Miqueas 4 - Biblia SEPTII. PROMESAS SALVÍFICAS Canto a Sión, berce da lei de paz e fartura universais 1 Velaquí: á fin dos días o monte da Casa do Señor será creado no cume das montañas; velaquí: será levantado por enriba dos montes, xuntaranse nel todas as xentes, 2 e irán a el numerosos pobos, que dirán: "Vinde, subamos ó monte do Señor, á casa do Deus de Xacob, para que nos mostre os seus camiños, e camiñemos polos seus vieiros. Ollade: de Sión sairá a Lei, e a palabra do Señor sairá de Xerusalén". 3 Xulgará os preitos entre numerosos pobos e decidirá o que é xusto entre os poderosos ata lonxe. Na forxa as súas espadas volveranse aixadas; e as súas lanzas, podas. Non levantará a espada un pobo contra outro, nin aprenderán de novo a facer a guerra. 4 Cada un sentará debaixo da súa parra e debaixo da súa figueira sen que ninguén o atemorice. Así falou a boca do Señor dos Exércitos. 5 Si, todos os pobos camiñarán, cada un no nome do seu deus, pero nós camiñaremos no nome do Señor, o noso Deus, para sempre xamais. Deus Rei-Pastor, que xuntará o seu pobo en Sión 6 No día aquel —é o Señor quen fala— recadarei as ovellas que coxean, e atraerei as espantadas para lonxe, as que eu maltratei. 7 E das que coxean farei un resto; e das dispersas, un pobo poderoso. O Señor será rei sobre elas na montaña de Sión, desde agora e para sempre. 8 E ti, Torre do Rabaño, montaña da filla de Sión, a ti virá e entrará a soberanía de antano, a realeza da filla de Xerusalén. As angustias de Sión acabarán en triunfo sobre os pobos xentís 9 Agora, por que berras tan forte? Non tes un rei onda ti? Pereceu o teu conselleiro? Embárgate unha dor coma a de quen está a parir? 10 Retórcete de dor e xeme, filla de Sión, coma quen está a parir pois agora vas saír da cidade, e vivirás no campo irás a Babilonia, e de alí serás liberada; irás alá e rescatarate o Señor da man dos teus inimigos. 11 Agora únense contra ti pobos numerosos, que din: "Será execrado, que os nosos ollos se comprazan vendo a Sión". 12 Pero eles non coñecen os planos do Señor, nin comprenden a súa intención de vos amorear coma os monllos na eira. 13 Ponte de pé e trilla, filla de Sión, que eu volvo de ferro o teu corno, e os teus cascos vólvoos de bronce para que tritures a pobos numerosos, e para que entregues ó exterminio as súas riquezas en honor do Señor, a súa riqueza en honor do Señor de toda a terra. 14 Agora faite incisións, filla de saqueadores; puxéronnos asedio; coa vara vanlle bater no rostro ó xuíz de Israel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)