Miqueas 3 - Biblia SEPTContra os dirixentes de Israel que oprimen o pobo 1 Entón, eu dixen: "Escoitade, xefes de Xacob; vós, dirixentes da casa de Israel: Non é cousa vosa o coñecer o dereito? 2 Vós, que odiades o ben e amades o mal? Vós, que lles arrincades a pel, e tirades a carne dos seus ósos? 3 Si, certo, comen a carne do meu pobo, e arríncanlles a súa pel. Rómpenlles en anacos os ósos, para os poñer coma a carne no pote, coma vianda no medio da cazola. 4 Entón clamarán ó Señor, pero non lles responderá; ocultaralles o seu rostro naquela hora, xa que cometeron crimes cos seus feitos". Contra os profetas que explotan a súa misión 5 Así fala o Señor contra os profetas que desorientan o meu pobo, que claman: "paz", se morden algo cos dentes; pero proclaman guerra santa contra quen non lles pon algo na boca. 6 "Por isto, teredes noite en vez de visión, teredes que estar ás escuras en vez de adiviñar; o sol porase para estes profetas e o día volverase escuro sobre eles. 7 Os que teñen visións avergonzaranse, e os adiviños encheranse de vergonza. Todos eles taparán o bigote, pois Deus non lles dá ningunha resposta". O profetismo de Miqueas 8 Pero eu grazas ó espírito do Señor estou cheo de forza, de sentencias de xuízo e de coraxe, para lle facer coñecer a Xacob a súa rebeldía, e a Israel o seu pecado. Contra todos os dirixentes de Xudá 9 Escoitade, pois, isto, xefes de Xacob e dirixentes da casa de Israel, que volvedes abominable a sentencia xudicial, e facedes torto todo o que é dereito. 10 "Construídes Sión co sangue vertido e Xerusalén con perversidades. 11 Os seus xefes emiten veredictos conforme ós regalos, os seus sacerdotes dan a lei por un prezo, e os seus profetas adiviñan por diñeiro, e ademais apóianse no Señor, dicindo: Non está o Señor no medio de nós? Ningunha desgraza nos acontecerá. 12 Por isto, por culpa vosa, Sión será arado coma un campo, Xerusalén converterase en ruínas, e a montaña do templo un conxunto de outeiros a monte". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)