Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Miqueas 2 - Biblia SEPT


Contra os explotadores

1 Ai dos que maquinan iniquidade e obras de ruindade nos seus leitos! Coa luz da alba póñenas por obra, pois están no poder das súas mans.

2 Cobizan campos e róubanos; e tamén casas, e levántanse con elas. Oprime ó home e mais a súa familia, a unha persoa e mais a súa herdanza.

3 Por isto, así fala o Señor: "Velaí: matino contra esta xeración unha desgraza, e non poderedes apartar os vosos pescozos, nin poderedes camiñar dereitos, pois será a hora da desgraza.

4 O día aquel entoarase contra vós unha sátira, cantarase unha elexía xa está feita e dirase: Róubannos completamente, levarán o quiñón do meu pobo. Como se aparta de min! Como fai o invasor as partillas dos nosos campos!"

5 Por isto non teredes na asemblea do Señor, quen bote o cordel sobre a porción.


Diálogo dos que se opoñen ó profeta (Opositores):

6 "Non embelequedes os pasmóns. (Eles son os que embelecan os pasmóns!). Non embelequedes os pasmóns con estas cousas. A ofensa cesará.

7 Ese oráculo é para a casa de Xacob? Esgotouse o poderoso Espírito do Señor? Son estes os seus feitos? Acaso non lle prestan ben as súas palabras a quen se comporta rectamente?"


(Profeta):

8 "Pero, vós non sodes o meu pobo, xa que vos erguedes coma inimigos. A quen consente en deixar o manto ordinario, arrebatádeslle o vestido precioso. Os que pasan confiados, facédelos volver á guerra.

9 As mulleres do meu pobo botádelas das súas casas. Arrebatades para sempre ós meniños do meu pobo a gloriosa liberdade que eu lles dou.

10 Levantádevos e marchade, que isto non está para descansos! Pola falta de pureza.

11 Pois se alguén andase embelecando con vento e mentira, eu faría que un, movido polo viño e polo licor, embelecase os pasmóns: el sería o profeta que embelecase a este pobo.

12 Reunirei a Xacob, a ti enteiro, recollerei o resto de Israel. Xuntareinos coma as ovellas no curral, coma rabaño no seu pasteiro, e non terán medo de ninguén.

13 O que abre camiño sobe diante deles, abrirán, pasarán pola porta e sairán. O seu rei pasará diante deles. O Señor, á cabeza!"

Lean sinn:



Sanasan