Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Miqueas 1 - Biblia SEPT

1 Palabra do Señor que lle foi dirixida a Miqueas, natural de Mórexet, nos días de Iotán, Acaz e Ezequías, reis de Xudá: visión que el tivo acerca de Samaría e Xerusalén.


I. ACUSACIÓNS E ANUNCIOS DE CASTIGO

2 Escoitade, pobos todos; prestade atención, terra e o que a enche. O Señor Deus servirá de testemuña contra vós; o Señor, que virá do seu templo santo.

3 Si, velaí o Señor que sae do seu santuario, baixará e camiñará sobre as alturas da terra.

4 Os montes derreteranse por debaixo del e fenderanse os fondais dos vales. Coma a cera pola presenza do lume, coma a auga que corre pola ladeira.

5 Todo isto sucederá pola apostasía de Xacob e polo pecado da casa de Israel. Quen é o causante da apostasía de Xacob? Acaso non é Samaría? Quen é o outeiro que fai pecar a Xudá? Acaso non é Xerusalén?

6 Converterei a Samaría nunha morea de pedras, nunha viña plantada de novo. Farei correr as súas pedras ata o val, e deixarei ó descuberto os seus alicerces.

7 Todos os seus ídolos serán machucados, e todos os seus regalos serán queimados no lume. Converterei todas as súas imaxes nunha desolación, pois foron feitas xuntando ganancias das prostitutas e ganancias das prostitutas volverán ser.


Lamentación polas cidades da Xefelah

8 Por isto, voume lamentar e chorar, vou camiñar descalzo e espido. Vou facer unha lamentación coma os chacais e un canto de loito coma os poliños da avestruz.

9 Incurable é o golpe que dá o Señor. Si, chega ata Xudá. O Señor peta ata nas portas do meu pobo, ata en Xerusalén.

10 En Gat, non o proclamedes, en Bocó non choredes. En Bet Leafrah espoldrexade no po.

11 Que a poboación de Xafir faga resoar a trompeta por medio de vós. Si, que saia espida e avergonzada a poboación que habita en Caanán. Hai dó en Bet Haésel, retíresevos o seu apoio.

12 A poboación de Marot espera o ben, pero baixa a desgraza de xunto ó Señor ás mesmas portas de Xerusalén.

13 Engancha os cabalos ó carro, poboación de Láquix. É o comezo do fracaso, filla de Sión, pois en ti están as transgresións de Israel.

14 A ti, Moréxet de Gat, impuxéronche o xugo os emisarios. Para os reis de Israel as casas de Aczib volvéronse un regueiro sen auga.

15 Farei entrar de novo ó conquistador en ti, poboación de Marrexah. E penetrará ata Adulam a gloria de Israel.

16 Corta e arrinca o cabelo polos fillos dos teus praceres, agranda a túa calva coma a do voitre, xa que eles van ó desterro lonxe de ti.

Lean sinn:



Sanasan