Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 9 - Biblia SEPT


Curación dun paralítico (Mc 2, 1-12; Lc 5, 17-26)

1 Subiu a unha barca, cruzou para a outra banda e chegou á súa vila.

2 Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ó tolleito: Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.

3 Entón algúns letrados dixeron para si: Este home blasfema.

4 Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles: Que cavilades nos vosos adentros?

5 Que é máis fácil, dicir: "perdoados quedan os teus pecados"; ou dicir: "érguete e anda?"

6 Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados díxolle ó tolleito: "érguete, colle a padiola, e vai para a casa".

7 E erguéndose foise para a súa casa.

8 Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder ós homes.


Vocación de Mateu (Mc 2, 13-17; Lc 5, 27-32)

9 O pasar Xesús por alí, viu un home sentado ó mostrador da contribución, chamado Mateu, e díxolle: Sígueme. El ergueuse e seguiuno.

10 E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e mais os seus discípulos.

11 Cando tal viron os fariseos, dixéronlle ós discípulos del: Como é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?

12 El oíunos e dixo: Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico.

13 Ide, pois, aprender o que significa aquilo de Misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.


O xaxún (Mc 2, 18-22; Lc 5, 33-39)

14 Entón achegáronselle os discípulos de Xoán preguntando: Nós e mais os fariseos gardamos moito o xaxún. Por que non o gardan os teus discípulos?

15 Respondeulles Xesús: Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres dura a voda? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.

16 Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande.

17 Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que ámbolos dous se conserven.


A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mc 5, 21-43; Lc 8, 40-56)

18 Mentres Xesús lles dicía estas cousas, velaí apareceu un xefe que, prostrándose ante el, rogáballe: A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.

19 Erguéndose Xesús, seguiuno cos seus discípulos.

20 Nisto unha muller que padecía hemorraxias desde había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto,

21 falando para si: Se lle dou tocado a roupa, xa curo.

22 Xesús virouse e ó vela díxolle: Animo, filla, a túa fe sandoute! E desde aquel instante a muller quedou salva.

23 O chegar Xesús á casa do xefe, vendo os frautistas e mais o barullo da xente,

24 dixo: Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme. A xente facía riso del.

25 Pero el, en botando para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela ergueuse.

26 A noticia espallouse por toda a redonda.


Curación dos cegos (20, 29-34)

27 Cando saíu Xesús de alí, fórono seguindo dous cegos que berraban: Fillo de David, ten dó de nós.

28 E ó entrar na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús: E vós credes que eu podo facer iso? Responderon: Cremos.

29 Entón tocoulles os ollos, dicindo: Fágase conforme a vosa fe.

30 E abríronselles os ollos. Logo avisounos moi serio: Mirade que non o saiba ninguén!

31 Pero, mal se foron, déronlle unha grande sona por toda aquela terra.


Curación dun mudo (Lc 11, 14-15)

32 O que se foron os cegos, presentáronlle un mudo endemoñado.

33 E así que lle botou o demo fóra, o mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía: Nunca tal cousa se viu en Israel.

34 Pero os fariseos dicían: Bota os demoños co poder do xefe dos demoños.


Percorre Galilea (Mc 6, 6 b; Lc 8, 1)

35 Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza.

36 Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor.

37 Entón díxolles ós discípulos: A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos;

38 Así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.

Lean sinn:



Sanasan