Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 8 - Biblia SEPT


Curación dun gafo (Mc 1, 40-45; Lc 5, 12-16)

1 Cando Xesús baixou do monte foino seguindo moita xente.

2 E nestas achegouse a el un gafo, que, prostrándose ante el, díxolle: Señor, con só que queiras pódesme limpar.

3 El estendeu a man e tocouno, dicindo: Quero, queda limpo. E, coa mesma, quedou limpo da lepra.

4 E díxolle Xesús: Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ó sacerdote, e ofrece o donativo que prescribiu Moisés para que lles sirva de testemuño.


A fe do centurión (Lc 7, 2-10; Xn 4, 46-54)

5 O entrar en Cafarnaún achegóuselle un centurión que lle suplicou

6 dicindo: Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.

7 Díxolle Xesús: Eu irei e curareino.

8 Replicoulle o centurión: aínda Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito, abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure.

9 Que eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes; e dígolle a este: "vai", e vai; a aqueloutro: "ven", e vén; e ó meu criado: "fai isto", e faino.

10 A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo, e díxolles ós que o seguían: Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel.

11 E dígovos que moitos de oriente e mais de occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob, no Reino dos Ceos.

12 Pero ós fillos do Reino botaranos para fóra, á escuridade; alí será o pranto e o triscar os dentes.

13 E Xesús díxolle ó centurión: Vaite, que se cumpra segundo a túa fe. E naquela hora curou o criado.


Outras curacións (Mc 1, 29-34; Lc 4, 38-41)

14 En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deste deitada con febre.

15 Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo.

16 Contra a tardiña leváronlle moitos endemoñados, e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos.

17 Así cumpriuse o que deixara dito o profeta Isaías: Apandou coas nosas doenzas e cargou coas nosas enfermidades.


O seguimento de Xesús (Lc 9, 57-62)

18 Vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda.

19 E achegándose a el un letrado díxolle: Mestre, seguireite vaias a onde vaias.

20 Respondeulle Xesús: As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.

21 Outro dos seus discípulos díxolle: Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.

22 Xesús respondeulle: Ti sígueme, e deixa que os mortos enterren ós mortos.


Temporal no mar (Mc 4, 35-41; Lc 8, 22-25)

23 Subiu á barca, e seguírono os seus discípulos.

24 De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía.

25 Os discípulos fórono espertar, exclamando: Señor, sálvanos que afogamos!

26 El díxolles: Por que vos acovardades, homes de pouca fe? E poñéndose de pé increpou os ventos e mais o mar, e veu unha grande calma.

27 Os homes, abraiados, dicían: Quen será este que mesmo os ventos e mais o mar lle fan caso?


Os endemoñados de Gadara (Mc 5, 1-20; Lc 8, 26-39)

28 En chegando á outra banda do mar, ó país de Gadara, saíronlle ó camiño desde uns sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí.

29 E berrando dicían: Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?!

30 Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando,

31 e os demos rogáronlle: Se nos botas, mándanos para a manada de porcos.

32 El díxolles: Ide. Saíron, e fóronse para os porcos, que, guindándose barranco abaixo, foron dar ó mar, onde morreron afogados.

33 Os porqueiros, fuxindo, chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoñados.

34 E toda a vila saíu ó encontro de Xesús. E cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.

Lean sinn:



Sanasan