Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 7 - Biblia SEPT


Non xulgar ós demais (Lc 6, 37-38. 41-42)

1 Non xulguedes para que non vos xulguen a vós.

2 Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós.

3 Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu?

4 E, como lle vas dicir a teu irmán: "Deixa que che quite o lixo que tes no ollo", tendo ti unha trabe no teu?

5 Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

6 Non deades o sagrado ós cans nin lle botedes as vosas perlas ós porcos; non sexa que as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen.


Perseverar na oración (Lc 11, 9-13)

7 Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos.

8 Pois quen pide, recibe; quen busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.

9 Ou é que hai alguén entre vós que, se o seu fillo lle pide pan, lle dá unha pedra?

10 Ou se lle pide un peixe dálle unha cobra?

11 Pois se vós, que sodes ruíns, ben sabedes darlles cousas boas ós vosos fillos, canto máis voso Pai celestial llelas dará ós que llas pidan?

12 Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e mais os Profetas.


A porta estreita (Lc 13, 24)

13 Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitos os que entran por el.

14 Pero que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!


A árbore coñécese polos froitos (Lc 6, 43-44)

15 Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non son máis ca lobos rapaces!

16 Polos seus froitos coñecerédelos. Ou é que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos?

17 Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns.

18 Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade.

19 Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume.

20 Así que polos seus froitos é como os coñeceredes.


A falsa piedade (Lc 6, 46; 13, 25-27)

21 Non todo o que me di: "Señor! Señor!" entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial.

22 Moitos hanme dicir naquel día: "Señor! Señor!, non profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e no teu nome non fixemos moitos milagres?"

23 Pero daquela eu heilles dicir abertamente: "Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os que practicades o mal!"


A piedade auténtica (Lc 6, 47-49)

24 Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha.

25 Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha.

26 Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area.

27 Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval, e batendo na casa derrubouna, sendo grande a desfeita.

28 E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina;

29 porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.

Lean sinn:



Sanasan