Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 6 - Biblia SEPT


A esmola

1 Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.

2 Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa.

3 Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita.

4 Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.


Sobre a oración (Lc 11, 2-24)

5 Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa.

6 Ti, pola contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

7 E cando vos poñades a rezar non sexades lareteiros coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar.

8 Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades.

9 Vós, rezade así: Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome;

10 veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo.

11 Dános hoxe o noso pan de cada día.

12 E perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores.

13 E non nos sometas á tentación, mais líbranos do Malo.

14 Porque se vós perdoades ós outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas;

15 pero se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas.


O xaxún

16 Cando xaxuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa.

17 Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara,

18 para que non che se note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.


O verdadeiro tesouro (Lc 12, 33-34)

19 Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e mais a ferruxe acaban con eles, e os ladróns asaltan as casas para roubalos.

20 Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben.

21 Que onde está o teu tesouro está o teu corazón.


A luz do corpo (Lc 11, 34-36)

22 A luz do corpo é o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumeado;

23 pero se o teu ollo está malo, todo o teu corpo estará na escuridade. E se a luz que hai en ti é escuridade, canta escuridade!


Deus e o diñeiro (Lc 16, 13)

24 Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ó outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.


A Providencia (Lc 12, 22-31)

25 Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido?

26 Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin segan, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. Non valedes vós máis ca elas?

27 E quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ó tempo da súa vida?

28 E polo vestido por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran, e non traballan, nin fían.

29 E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria se chegou a vestir coma un deles.

30 Pois se á herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ó forno, Deus así a viste, canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?

31 Non andedes angustiados dicindo: "Que imos comer?" ou "que imos beber?" ou "que imos vestir?"

32 Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe voso Pai celestial que as precisades.

33 Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis.

34 Así que non vos angustiedes polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.

Lean sinn:



Sanasan