Mateo 5 - Biblia SEPTAnuncio da verdadeira dita (Mc 9, 50; Lc 6, 20-23) 1 Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, 2 e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo: 3 Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino dos Ceos. 4 Ditosos os que choran, porque eles serán consolados. 5 Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra. 6 Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos. 7 Ditosos os misericordiosos, porque eles acadarán a misericordia. 8 Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus. 9 Ditosos os que traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus. 10 Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino dos Ceos. 11 Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: 12 Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós. Sal da terra, luz do mundo (Mc 4, 21; 9, 50; Lc 11, 33-36) 13 Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente. 14 Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. 15 Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. 16 Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos. Nova interpretación da Lei 17 Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. 18 Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra. 19 E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer ós outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceos. 20 Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos. A ira 21 Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. 22 Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno. 23 Se ó presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, 24 pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda. 25 Ponte de acordo, canto antes, co teu preiteante mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ó xuíz, o xuíz ó garda, e te boten na cadea. 26 Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo. O adulterio (18, 8-9; Mc 9, 43-49) 27 Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio. 28 Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón. 29 Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. 30 Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. O repudio (19, 9; Mc 10, 11-12; Lc 16, 18) 31 Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. 32 Pero eu dígovos: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio. O xuramento 33 Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ó Señor. 34 Pero eu dígovos: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; 35 nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. 36 Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. 37 Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo. A vinganza (Lc 6, 29-30) 38 Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente. 39 Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. O contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; 40 A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; 41 A quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. 42 A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado. Amor ós inimigos (Lc 6, 27-28. 32-36) 43 Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. 44 Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. 45 Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. 46 Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os recadadores de impostos? 47 E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? 48 Daquela sede bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)