Mateo 28 - Biblia SEPTA Resurrección (Mc 16, 1-8; Lc 24, 1-12; Xn 20, 1-10) 1 Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e mais a outra María foron visitar o sepulcro. 2 Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. 3 Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. 4 Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. 5 Mais o anxo díxolles ás mulleres: Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. 6 Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ver o sitio onde estaba. 7 E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir. 8 Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos. 9 Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo: Alegrádevos. Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. 10 Xesús díxolles: Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán. A versión dos gardas 11 Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren ós sumos sacerdotes de canto acontecera. 12 Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles unha boa presa de cartos ós soldados, 13 encargándolles: Vós dicide: "os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos". 14 E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro". 15 Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe. Misión dos discípulos (Mc 16, 14-16; Lc 24, 38. 46-48; Xn 20, 19-23) 16 Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. 17 E véndoo, prostráronse ante el, aínda que algúns dubidaban. 18 Xesús, achegándose, díxolles: Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. 19 Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; 20 ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)