Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 27 - Biblia SEPT


Xesús levado a Pilato (Mc 15, 1; Lc 23, 1; Xn 18, 28)

1 Ao raiar o día, todos os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo celebraron consello contra Xesús, para condenalo á morte.

2 Amarrárono e fóronllo entregar a Pilato, o gobernador.


Morte de Xudas

3 Entón Xudas, o traidor, ó ver que o condenaran, cheo de remordementos, devolveulles as trinta moedas de prata ós sumos sacerdotes e mais ós senadores

4 dicindo: Pequei entregando á morte a un inocente. Eles contestaron: E a nós que nos contas? Alá ti.

5 El, guindando as moedas no templo, marchou, e foise aforcar.

6 Os sumos sacerdotes, apañando as moedas, dixeron: Non é lícito botalas no peto das ofrendas, xa que son prezo de sangue.

7 Entón, despois de deliberar, compraron con elas o Agro do Oleiro, para enterrar nel os forasteiros.

8 Por iso, aquel agro chámase aínda hoxe o "Agro do sangue".

9 Cumpriuse así o que deixara escrito o profeta Xeremías: Colleron as trinta moedas de prata, prezo co que taxaran a un home (pois esa era a taxa que poñían os fillos de Israel),

10 pagando así o Agro do Oleiro, tal como mo mandara o Señor.


Xesús ante Pilato (Mc 15, 2-15; Lc 23, 2-5. 13-25; Xn 18, 29-19, 16)

11 Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou: Es ti o rei dos xudeus? Xesús contestou: Ti o dis.

12 E ós cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada.

13 Entón preguntoulle Pilato: Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?

14 Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ó gobernador moi estrañado.

15 Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise.

16 Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Xesús Barrabás.

17 Pilato dirixiuse ó pobo reunido: A quen queredes que vos solte, a Xesús Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?

18 Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.

19 Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir: Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.

20 Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús.

21 O gobernador insistiu: A quen queredes que vos libere? Eles dixeron: A Barrabás.

22 Díxolles Pilato: E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo? E responderon todos: Que o crucifiquen!

23 El replicou: Pero, que mal fixo? Pero eles berraban máis forte dicindo: Que o crucifiquen!

24 Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo: Alá vós, eu non son responsable deste sangue.

25 Todo o pobo respondeu dicindo: Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.

26 Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.


Coroación cos espiños (Mc 15, 16-20; Xn 19, 2-3)

27 Os soldados do gobernador levaron a Xesús ó Pretorio, e reuniron toda a compañía.

28 Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata;

29 e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose: Saúde, rei dos xudeus!

30 Cuspíanlle e coa canivela dábanlle xostregadas na cabeza.

31 Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.


Crucifixión (Mc 15, 21-32; Lc 23, 26-43; Xn 19, 17-27)

32 O saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús.

33 Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira",

34 déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber.

35 Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo.

36 Despois sentaron alí a ter conta del.

37 Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus".

38 Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

39 Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza

40 e dicindo: Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Ora, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus.

41 Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:

42 Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! É o rei de Israel! Que baixe agora da cruz e creremos nel!

43 Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere; ben que dixo: "Son fillo de Deus".

44 Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.


Morte de Xesús (Mc 15, 33-41; Lc 23, 44-49; Xn 19, 28-30)

45 Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde.

46 E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo: —Elí, Elí lemá sabactaní? Isto é: Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?

47 E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban: Este chama a Elías.

48 Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre e, espetándoa nunha cana, deulle de beber.

49 Pero os demais dicían: Deixade, a ver se vén Elías salvalo.

50 Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma.

51 Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon,

52 e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron.

53 E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.

54 O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados: Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.

55 Había alí, mirando desde lonxe, moitas mulleres que seguiran a Xesús desde Galilea para servilo.

56 Entre elas estaba María Magdalena, María a nai de Santiago e mais de Xosé, e a nai dos fillos do Zebedeo.


Sepultura de Xesús (Mc 15, 42-47; Lc 23, 50-56; Xn 19, 38-42)

57 A tardiña chegou un home rico de Arimatea chamado Xosé, que tamén era discípulo de Xesús.

58 Foi onda Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Pilato mandou que llo entregasen.

59 Collendo o corpo envolveuno nunha saba limpa

60 e púxoo no seu propio sepulcro novo, que tiña cavado nunha rocha; e, facendo rodar unha grande lousa na entrada do sepulcro, foise.

61 Estaban alí María Magdalena e mais a outra María, sentadas fronte ó sepulcro.


Vixilancia do sepulcro

62 O outro día, pasado o día da Preparación, os sumos sacerdotes e mais os fariseos foron xuntos onda Pilato

63 e dixéronlle: Señor, lembramos que aquel enredante, cando estaba vivo, dixo: "Resucitarei despois de tres días".

64 Así que manda que vixíen o sepulcro ata o terceiro día; non vaia ser que cheguen os discípulos e o rouben e que lle digan á xente: "Resucitou de entre os mortos". E así a derradeira impostura sería peor cá primeira.

65 Díxolles Pilato: Tendes a garda, ide, e vixiádeo como mellor saibades.

66 Eles foron e selaron a lousa, asegurando a vixilancia do sepulcro coa garda.

Lean sinn:



Sanasan