Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 26 - Biblia SEPT


A PAIXÓN Conspiración contra Xesús (Mc 14, 1-2; Lc 22, 1-2; Xn 11, 45-53)

1 Cando Xesús rematou este discurso díxolles ós seus discípulos:

2 Xa sabedes que pasado mañá é a Pascua e van entregar o Fillo do Home para que o crucifiquen.

3 Entón reuníronse os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo no pazo do sumo sacerdote chamado Caifás,

4 e ordenaron prender a Xesús á traizón e matalo.

5 Pero dicían: "Durante a festa non, para que non se arme un rebumbio cando hai aquí tanta xente".


Unción en Betania (Mc 14, 3-9; Xn 12, 1-8)

6 Estando Xesús en Betania na casa de Simón o gafo,

7 Achegouse a el unha muller cun frasco de alabastro cheo dun perfume moi caro, e untoulle a cabeza mentres estaba recostado á mesa.

8 O veren aquilo, os discípulos indignáronse dicindo: Pero, a que vén este estrago?

9 Podíase vender por moitos cartos e dárllelos ós pobres.

10 Xesús, decatándose, díxolles: Por que molestades a esa muller? Ben está o que fixo comigo.

11 Os pobres sempre os tendes convosco, pero a min non sempre me teredes.

12 Unxindo con este perfume o meu corpo, preparoume para a sepultura.

13 E asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.


Traizón de Xudas (Mc 14, 10-11; Lc 22, 3-6)

14 Entón foi un dos Doce, chamado Xudas Iscariote, onda os sumos sacerdotes e

15 díxolles: Canto me dades se volo entrego? Eles acordaron darlle trinta moedas de prata.

16 E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.


Preparación da Pascua (Mc 14, 12-16; Lc 22, 7-13)

17 No primeiro día dos Ácimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús: Onde queres que che preparemos a cea pascual?

18 El respondeu: Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: "O Mestre di: O momento está preto; vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa".

19 Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.


Anuncio da traizón (Mc 14, 17-21; Lc 22, 14. 21-23)

20 Chegado o solpor, púxose á mesa cos Doce.

21 E mentres ceaban díxolles: Asegúrovos que un de vós me vai entregar.

22 Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un: Non serei eu, Señor?

23 El respondeu: Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame.

24 O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai daquel que entrega ó Fillo do Home! Máis lle valía non nacer.

25 Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle: Non serei eu, Mestre? Respondeulle: Ti o dixeches.


A Eucaristía (Mc 14, 22-25; Lc 22, 15-20)

26 Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando grazas, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo: Tomade e comede: isto é o meu corpo.

27 E collendo unha copa, dando grazas, déullela dicindo: Bebede todos dela.

28 Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados.

29 E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai.


Anuncio das negacións de Pedro (Mc 14, 27-31; Lc 22, 31-34; Xn 13, 36-38)

30 Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.

31 Entón díxolles Xesús: Esta noite todos ides tropezar na vosa fe por causa miña, conforme está escrito: Ferirei o pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño.

32 Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.

33 Replicoulle Pedro: Aínda que todos tropecen pola túa causa, eu si que non tropezarei.

34 Respondeulle Xesús: Pois ti ten por seguro que esta mesma noite, antes de que cante o galo, hasme negar tres veces.

35 Díxolle Pedro: Aínda que teña que morrer contigo, endexamais non te negarei. E o mesmo dixeron todos os discípulos.


A oración en Xetsemaní (Mc 14, 32-42; Lc 22, 39-46)

36 Entón chegou Xesús cos seus discípulos a un terreo chamado Xetsemaní e díxolles: Sentade aquí, mentres eu vou orar.

37 E, levando consigo a Pedro e mais ós dous fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente angustiado.

38 E díxolles: Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade comigo.

39 E avantando un pouco, caeu rostro en terra, mentres rogaba: Meu Pai, se é posible, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.

40 E, volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro: Non puidestes velar comigo nin tan sequera unha hora?

41 Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.

42 E arredándose de novo, por segunda vez púxose a orar dicindo: Meu Pai, se este cáliz non pode pasar sen que eu o beba, fágase a túa vontade.

43 E, volvendo de novo, atopounos tombados, porque lles caían os ollos co sono.

44 Deixounos e arredouse de novo, e púxose a orar por terceira vez, repetindo as mesmas palabras.

45 Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles: Conque aínda durmides e descansades? Pois sabede que xa chega a hora e o Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos pecadores.

46 Veña, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar!


Detención de Xesús (Mc 14, 43-50; Lc 22, 47-53; Xn 18, 3-12)

47 Aínda estaba falando cando chegou Xudas, un dos Doce, acompañado dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes e polos senadores do pobo.

48 O traidor déralles esta contrasinal: A quen eu lle dea un bico, ese é, prendédeo.

49 De seguida achegouse a Xesús e díxolle: Saúde, Mestre! E bicouno.

50 Xesús respondeulle: Amigo, e para isto viñeches? Entón, adiantáronse, botáronlle a man enriba a Xesús e prendérono.

51 Pero un dos que estaba con Xesús, botando man á súa espada, desenvaiñouna, e feriu ó criado do sumo sacerdote, rabenándolle unha orella.

52 Pero Xesús díxolle: Volve a espada ó seu sitio, pois todos os que levan espada pola espada perecerán.

53 Seica pensas que non podo acudir a meu Pai? El poñería á miña disposición, agora mesmiño, máis de doce lexións de anxos.

54 Pero, como se ían entón cumprir as Escrituras, que din que ten que suceder así?

55 E naquela hora díxolle á xente: Saístes prenderme con paus e espadas, coma se fose un bandido. A diario estiven sentado no templo ensinando e non me prendestes.

56 Pero todo isto pasa para que se cumpra o que escribiron os profetas. Entón todos os discípulos fuxiron, abandonándoo.


Xesús ante o Sanedrín (Mc 14, 53-65; Lc 22, 54-55. 63-71; Xn 18, 12-14. 19-24)

57 Os que prenderon a Xesús levárono á casa de Caifás, o sumo sacerdote, onde estaban reunidos os letrados e mais os senadores.

58 Pedro seguiuno de lonxe ata o patio do sumo sacerdote e, entrando dentro, sentou cos criados para ver como acababa todo aquilo.

59 Os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín teimaban por encontrar algún falso testemuño contra Xesús para o poderen condenar á morte.

60 Pero non o atopaban por moitas falsas testemuñas que comparecían. O fin, viñeron dúas

61 que dicían: Este afirmou: podo destruír o templo de Deus e reconstruílo en tres días.

62 Entón ergueuse o sumo sacerdote e díxolle: Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti?

63 Pero Xesús calaba, e o sumo sacerdote dixo: Conxúrote polo Deus vivo que me digas se ti es o Mesías, o Fillo de Deus.

64 Xesús contestou: Ti o dixeches. E dígovos máis: A partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e vén entre as nubes do ceo.

65 Daquela o sumo sacerdote, rachando os vestidos, exclamou: Que necesidade temos de testemuñas? Vós mesmos oístes a blasfemia.

66 Que vos parece? Eles responderon: É culpable: merece a morte.

67 Entón cuspíronlle na cara e uns déronlle unhas trompadas; outros zorregábanlle

68 dicindo: Cristo, ora, adiviña quen che pegou!


Negacións de Pedro (Mc 14, 66-72; Lc 22, 56-62; Xn 18, 15-18. 25-27)

69 Pedro estaba sentado fóra, no patio. Acercouse a el unha criada e díxolle: Ti tamén andabas con Xesús o Galileo.

70 El negouno diante de todos: Non sei de que me falas.

71 O saír cara ó portalón viuno outra criada e díxolles ós que estaban alí: Este andaba con Xesús de Nazaret.

72 De novo volveu el negalo con xuramento: Non coñezo a ese home.

73 De alí a un pouco achegáronse os presentes, dicíndolle a Pedro: Si, ti tamén es deles; descóbrete a túa mesma fala.

74 Entón el empezou a maldicir e a xurar: Que non coñezo a ese home! E coa mesma cantou o galo.

75 Pedro, acordándose das palabras que dixera Xesús: "Antes de que cante o galo hasme negar tres veces", saíu para fóra e chorou amargamente.

Lean sinn:



Sanasan