Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 25 - Biblia SEPT


Parábola das dez mociñas

1 Entón o Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo.

2 Cinco eran parvas e cinco asisadas.

3 As parvas colleron os candís pero non os encheron de aceite;

4 As asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas.

5 Como o noivo tardaba, pegoulles o sono, e botaron unha durmidela.

6 Alá pola media noite oíuse berrar: "Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!"

7 Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.

8 Entón dixéronlles as parvas ás asisadas: "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen".

9 Responderon as asisadas: "Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes".

10 No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta.

11 Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: "Señor, Señor, ábrenos!"

12 Pero el respondeulles: "Asegúrovos que non vos coñezo".

13 Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.


Parábola dos talentos (Lc 19, 11-27)

14 Si, é tamén coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulles o coidado da súa facenda.

15 A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.

16 De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco.

17 Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous.

18 Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.

19 O cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados, pedíndolles contas.

20 Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei".

21 Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor".

22 Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei".

23 E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor".

24 Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas.

25 Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu".

26 Pero o señor respondeulle: "Mal criado, lacazán! Conque sabías que sego onde non semento e recollo onde non boto?

27 Pois, poñías os meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía coller os cartos e mais os intereses.

28 Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez.

29 Porque ó que ten, háselle dar e abondo; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar.

30 E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".


O xuízo final

31 Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso.

32 Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras.

33 E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda.

34 Entón dirá o Rei ós da súa dereita: "Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo.

35 Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme;

36 estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".

37 Entón preguntaranlle os xustos: "Señor, cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber?

38 Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos?

39 Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"

40 O rei contestaralles: "Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo".

41 E diralles logo ós da súa esquerda: "Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os seus anxos.

42 Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber;

43 fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".

44 Eles replicaranlle: "Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"

45 El responderalles: "Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.

46 Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna".

Lean sinn:



Sanasan