Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 24 - Biblia SEPT


A destrución do templo (Mc 13, 1-13; Lc 19, 41-44; 21, 5-19)

1 Saíu Xesús do templo e, segundo ía camiñando, acercáronselle os discípulos e sinaláronlle as construcións do templo.

2 El díxolles: Vedes todo isto? Pois eu asegúrovos que se derrubará ata que non quede pedra sobre pedra.

3 Estando el sentado no Monte das Oliveiras, achegáronselle os seus discípulos, preguntándolle en privado: Anda, dinos cando van pasar estas cousas, e cal será o sinal da túa chegada e da fin do mundo.

4 Respondeulles Xesús: Estade atentos para que ninguén vos desoriente.

5 Moitos virán dicindo: "Eu son o Mesías". E desnortarán a moita xente.

6 Cando oiades falar de guerras ou de rumores de guerra, coidadiño con alarmarvos; pois teñen que vir, pero aínda non será a fin.

7 Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá fame e terremotos en diversos lugares;

8 e todo isto non será máis có comezo das dores.

9 Daquela entregaranvos ás torturas, mataranvos e odiaranvos todos os pobos por causa miña.

10 Entón moitos fallarán na fe, traizoaranse uns a outros e aborreceranse mutuamente.

11 Aparecerán moitos falsos profetas, enganando a moita xente.

12 E, ó crecer a maldade, arrefriarase o amor da maioría.

13 Pero o que persevere ata o final, salvarase.

14 Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a todos os pobos. Entón será a fin.


A destrución de Xerusalén (Mc 13, 14-24; Lc 21, 20-24)

15 E cando vexades que a abominación da desolación, anunciada polo profeta Daniel, está no lugar santo enténdao ben o lector,

16 entón quen estea en Xudea que fuxa ó monte;

17 quen estea na azotea que non baixe á casa nin para coller cousa ningunha;

18 e quen estea na leira que non volva atrás a pola capa.

19 Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días!

20 Rogade para que a vosa fuxida non cadre no inverno, nin nun sábado.

21 Porque haberá unha gran angustia, como non a houbo desde o principio do mundo, nin nunca máis a haberá.

22 E, de non se abreviaren aqueles días, ninguén sairía con vida; pero por mor dos elixidos han ser abreviados.

23 Se entón vos dixer alguén: "Mirade, velaquí está o Mesías", ou "alí o está", non lle fagades caso.

24 Pois aparecerán falsos Mesías e falsos profetas, que farán grandes sinais e prodixios para desorientar a xente, e, se fose posible, incluso os mesmos elixidos.

25 Mirade que quedades avisados.

26 E se vos dixer alguén: "Mirade, está no deserto", non saiades; "mirade, está agachado na casa", non fagades caso.

27 Pois, como o lóstrego sae do Oriente resplandecendo ata o Occidente, así será cando veña o Fillo do Home.

28 Onde estea o cadáver amoréanse os voitres.


A chegada do Fillo do Home (Mc 13, 24-27; Lc 21, 25-28)

29 Inmediatamente despois da calamidade daqueles días, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar, as estrelas caerán do ceo e as potencias celestiais abalarán.

30 Entón aparecerá o sinal do Fillo do Home no ceo. E todas as razas da terra daranse golpes no peito, vendo chegar o Fillo do Home enriba das nubes, con moito poder e gloria.

31 E enviará os seus anxos cunha grande trompeta, para reuniren os elixidos desde os catro ventos, de cabo a cabo do mundo.


Exemplo da figueira (Mc 13, 28-31; Lc 21, 29-33)

32 Aprendede da figueira esta comparanza: cando reverdecen as súas pólas e agroman as súas follas, botades de conta que o verán está preto.

33 Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que está pretiño: á porta.

34 Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto.

35 O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.


O día e a hora (Mc 13, 32-37; Lc 17, 26-30. 34-36)

36 E en canto ó día aquel e á hora, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; só o Pai.

37 Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home.

38 Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca;

39 e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home.

40 Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán ó outro.

41 Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán unha e deixarán a outra.

42 Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor.

43 Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa.

44 Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.


Parábola do criado fiel (Mc 13, 33-37; Lc 12, 41-48)

45 Quen é o criado fiel e prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu debido tempo?

46 Ditoso o criado aquel a quen o seu amo, cando chegue, o atope cumprindo coa súa tarefa!

47 Tende por seguro que lle encomendará toda a súa facenda.

48 Pero se aquel mal empregado di para si: "O meu amo aínda non vén para agora",

49 e empeza a bourar nos seus compañeiros, comendo e bebendo cos borrachos,

50 o día menos pensado e á hora máis imprevista chégalle o amo

51 e bótao fóra, cos hipócritas; alí será o pranto e mais o triscar dos dentes.

Lean sinn:



Sanasan