Mateo 22 - Biblia SEPTOs convidados á voda (Lc 14, 15-24) 1 E Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas: 2 Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. 3 Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir. 4 Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles ós convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!" 5 Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro ós seus negocios. 6 Os demais botáronse ós criados, maltratáronos e matáronos. 7 Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. 8 E díxolles ós criados: "A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. 9 Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda". 10 Saíron ós camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda. 11 Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda 12 e díxolle: "Amigo, como entraches aquí sen traxe de voda?" El ficou caladiño: 13 Entón o rei díxolles ós camareiros: "Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes". 14 Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos. A contribución do César (Mc 12, 13-17; Lc 20, 20-26) 15 Entón os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillalo nalgún dito. 16 E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron: Mestre, sabemos que es sincero: que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos. 17 Dinos, logo, que che parece: está permitido pagarlle o tributo ó Cesar ou non? 18 Xesús, catando a malicia, contestoulles: Por que me queredes comprometer, hipócritas? 19 Mostrádeme a moeda do tributo. Eles presentáronlle un denario. 20 E el preguntoulles: De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? 21 Contestáronlle: Do César. Entón replicoulles: Pois logo dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus. 22 O oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon. Acerca da resurrección (Mc 12, 18-27; Lc 20, 27-38) 23 Naquel día chegaron onda el uns saduceos, deses que din que non hai resurrección, 24 e preguntáronlle: Mestre, Moisés dixo: Se un morre sen deixar fillos, que o seu irmán case coa viúva, para lle dar descendencia ó irmán. 25 Pois este era o caso de sete irmáns que había entre nós. O primeiro casou, pero como morreu sen fillos, deixoulle a muller ó seu irmán. 26 O mesmo lle pasou ó segundo e mais ó terceiro. E así, ós sete. 27 O cabo, morreu tamén a muller. 28 Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, xa que estivo casada cos sete? 29 Respondeulles Xesús: Andades descamiñados porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus. 30 Cando resuciten, non casarán nin eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo. 31 E volvendo á resurrección dos mortos, non tendes lido o que vos deixou dito Deus: 32 Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac, o Deus de Xacob? Ben, pois El non é Deus dos mortos, senón dos vivos. 33 E a xente, ó escoitalo, estaba marabillada da súa doutrina. O principal mandamento (Mc 12, 28-34; Lc 10, 25-28) 34 Os fariseos, ó se informaren de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos, reuníronse; 35 e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba: 36 Mestre, cal é o mandamento máis importante da Lei? 37 El respondeulle: "Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. 38 Este é o mandamento primeiro e máis grande. 39 O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. 40 Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas. Fillo de David (Mc 12, 35-37; Lc 20, 41-44) 41 Estando reunidos os fariseos, preguntoulles Xesús: 42 Que pensades vós do Mesías?: de quen é fillo? Eles responderon: De David. 43 El replicoulles: Como é logo que David, movido polo Espírito, o chama Señor, dicindo: 44 Díxolle o Señor ó meu Señor: senta á miña dereita, que vou poñer os teus inimigos coma estrado dos teus pés. 45 Ora, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo? 46 E ninguén foi capaz de lle responder palabra; e desde aquel día ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)