Mateo 21 - Biblia SEPTEN XERUSALÉN Entrada triunfal en Xerusalén (Mc 11, 1-11; Lc 19, 28-40; Xn 12, 12-19) 1 E cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, 2 dicíndolles: Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. 3 Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ó Señor, e que de seguida llos mandará de volta. 4 Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta: 5 Dicídelle á filla de Sión: Velaí o teu Rei que vén onda ti, humilde e montado nunha burra, nun burro, fillo de animal de carga. 6 Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. 7 Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. 8 Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. 9 E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban: Hosanna ó Fillo de David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna nas alturas! 10 E ó entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba: Quen é este? 11 A xente respondía: Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea. Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mc 11, 15-19; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22) 12 Entrou Xesús no templo, e botou fóra os tendeiros e compradores do templo, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. 13 E díxolles: Está escrito: A miña casa será casa de oración; pero vós convertédela en cova de bandidos. 14 No templo rodeárono cegos e coxos, e curounos. 15 Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: "Hosanna ó Fillo de David!", indignáronse; 16 e dixéronlle: Seica non oes o que estes nenos din? Xesús respondeulles: Si, e logo nunca lestes aquilo: Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha loanza? 17 E deixándoos, saíu da cidade cara a Betania, onde pasou a noite. A figueira maldita (Mc 11, 12-14. 20-24) 18 Pola mañá cedo, cando regresaba á cidade, sentiu fame. 19 Vendo unha figueira ó pé do camiño, achegouse a ela; pero nada atopou, fóra de follas. Entón dixo: Nunca mais darás froito. E, de súpeto, secou a figueira. 20 Vendo aquilo os discípulos, preguntaron abraiados: Por que secou de súpeto a figueira? 21 Xesús respondeu: Eu asegúrovos que se tendes fe, e non dubidades, non faredes soamente o da figueira, senón que se lle dixerdes a este monte: "arríncate de aí, e bótate no mar", mesmo iso se faría. 22 Todo canto pidades con fe na oración, recibirédelo. A autoridade de Xesús (Mc 11, 27-33; Lc 20, 1-8) 23 Entrou no templo e mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo, para lle preguntaren: Con que autoridade fas esas cousas? Quen che deu tal autoridade? 24 Xesús respondeulles: Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas: 25 o bautismo de Xoán, de onde era? Era cousa de Deus ou dos homes? Eles razoaban entre si dicindo: "se respondemos de Deus, preguntaranos: entón por que non crestes nel? 26 Pero se respondemos dos homes, temémoslle ó pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta". 27 E contestáronlle a Xesús: Non sabemos. Xesús replicou: Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas. Parábola dos dous fillos 28 Pero, que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". 29 El respondeu: "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi. 30 Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi. 31 Quen dos dous fixo a vontade do pai? Respondéronlle: O primeiro. Entón díxolles Xesús: Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. 32 Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes. Parábola dos viñateiros (Mc 12, 1-12; Lc 20, 9-19) 33 Escoitade outra parábola: Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe. 34 Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñateiros, para cobrar as rendas. 35 Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. 36 De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito. 37 Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". 38 Pero os viñateiros, ó veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". 39 E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono. 40 Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles? 41 Respondéronlle: A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo. 42 Díxolles entón Xesús: Seica non lestes nunca na Escritura: A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal: esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!? 43 Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos. 44 Quen caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel sobre quen ela caia, ficará esmagado. 45 Oíndo as súas parábolas, os sumos sacerdotes e mais os fariseos decatáronse de que ían por eles. 46 Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)