Mateo 20 - Biblia SEPT1 Porque o Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. 2 Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. 3 Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. 4 E díxolles: Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto. 5 Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. 6 Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles: Pero, que facedes aquí, todo o día sen traballar? 7 Eles responderon: É que ninguén nos contratou. El díxolles entón: Ide vós tamén á miña viña. 8 Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ó administrador: Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros. 9 Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. 10 Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. 11 O recibilo, murmuraban contra o propietario: 12 Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día. 13 Pero el replicoulle a un deles: Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? 14 Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ó último igual ca a ti, 15 non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo? 16 Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros, e os primeiros serán os últimos. Terceiro anuncio da paixón (Mc 10, 32-34; Lc 18, 31-34) 17 Segundo ía subindo a Xerusalén, chamou a un lado os Doce polo camiño e díxolles: 18 Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entregar o Fillo do Home ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, 19 e entregarano ós pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ó terceiro día resucitará. Petición de Santiago e Xoán (Mc 10, 35-45) 20 Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, prostrándose para pedirlle algo. 21 El preguntoulle: Que queres? Respondeulle: Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino. 22 Respondeulle Xesús: Non sabedes o que pedides. Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber? Respondéronlle: Podemos. 23 Xesús replicou: O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado. 24 O escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. 25 Entón Xesús chamou por eles e díxolles: Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. 26 Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; 27 e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal; 28 porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos. Cura a dous cegos (Mc 10, 46-52; Lc 18, 35-43) 29 E ó saíren de Xericó, seguiuno moita xente. 30 Sentados a carón do camiño, había dous cegos que, cando oíron que pasaba Xesús, puxéronse a berrar: Fillo de David, ten piedade de nós! 31 A xente rifáballes para que calasen, pero eles berraban aínda máis alto: Señor, Fillo de David, ten piedade de nós! 32 Xesús parou, chamounos e preguntoulles: Que queredes que vos faga? 33 Eles responderon: Señor, que se nos abran os ollos. 34 Compadecido Xesús, tocoulles os ollos, e de contado recobraron a vista; e foron tras el. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)