Mateo 2 - Biblia SEPTAdoración dos magos 1 Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando: 2 Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe. 3 Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. 4 Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. 5 Eles responderon: En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta: 6 E ti Belén, terra de Xudea, de ningún xeito es a máis pequena, entre as vilas de Xudea, que de ti ha saír o guía que será o pastor do meu pobo Israel. 7 Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. 8 Logo mandounos a Belén, dicíndolles: Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe. 9 Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. 10 Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela. 11 E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. 12 Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño. Exilio en Exipto e matanza dos inocentes 13 En canto se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle: Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el. 14 Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. 15 Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta: Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto. 16 Daquela Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse moito. E, botando contas polos datos dos magos, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo, de Belén e da bisbarra. 17 Daquela cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías: 18 Oíuse un berro en Ramah, choros e moito lamento: é Raquel que chora polos seus fillos, e non se quere consolar porque xa non existen. Volta para Nazaret 19 En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto 20 e díxolle: Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno. 21 Ergueuse Xosé, e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel. 22 Pero, ó saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, 23 indo vivir a unha vila chamada Nazaret. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)