Mateo 19 - Biblia SEPTCAMIÑO DE XERUSALÉN O divorcio (Mc 10, 1-12) 1 Cando terminou Xesús estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán. 2 Seguiuno moita xente, e el púxose a lles curar alí os enfermos. 3 Chegaron onda el uns fariseos e preguntáronlle para poñéreno a proba: É lícito repudiar a muller por un motivo calquera? 4 El respondeu: Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio, 5 e que dixo: Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne? 6 De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home. 7 Preguntáronlle: E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiala? 8 El respondeu: Debido á dureza do voso corazón, permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ó principio non era así. 9 Asegúrovos que quen repudia a súa muller (sacado que estea malvivindo) e casa con outra, comete adulterio. 10 Entón dixéronlle os discípulos: Pois se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún. 11 El contestoulles: Non todos entenden esta linguaxe, senón aqueles a quen se lles concedeu. 12 Hainos que non poden casar, porque naceron así do ventre da súa nai; outros, porque así os fixeron os homes; e outros, porque eles mesmos se fixeron así polo Reino dos Ceos. Quen poida entender, que entenda. Bendí os nenos (Mc 10, 13-16; Lc 18, 15-17) 13 Leváronlle entón uns nenos, para que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles. 14 Mais Xesús díxolles: Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o Reino dos Ceos. 15 E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí. O mozo rico (Mc 10, 17-22; Lc 18, 18-23) 16 Nisto acercouse un para lle preguntar: Mestre, que teño que facer de bo para acadar a vida eterna? 17 El contestoulle: Por que me preguntas acerca do bo? Soamente Un é Bo. E se queres entrar na vida, garda os mandamentos. 18 El preguntoulle: Cales? Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; 19 honra a teu pai e a túa nai, e ama ó teu próximo coma a ti mesmo. 20 O mozo contestou: Todas esas cousas xa as gardo. Que é o que me falta? 21 Respondeulle Xesús: Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes, e dállelo ós pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois, ven e sígueme. 22 Oíndo estas cousas, o mozo marchou moi aflixido: tiña moitos bens. O perigo das riquezas (Mc 10, 23-31; Lc 18, 24-30) 23 Entón díxolles Xesús ós seus discípulos: Asegúrovos que lles vai ser difícil ós ricos entrar no Reino dos Ceos; 24 volvo a asegurarvos; é máis fácil para un camelo pasar polo ollo dunha agulla que para un rico entrar no Reino dos Ceos. 25 Oíndo aquilo, os discípulos aínda estaban máis abraiados e comentaron: Pero logo, quen se vai poder salvar? 26 Mirando para eles fixamente, díxolles: Si, para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible. 27 Entón interveu Pedro dicindo: Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. Que nos vai tocar? 28 Xesús respondeu: Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. 29 E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna. Parábola dos xornaleiros da viña 30 E hai moitos que son os primeiros e serán os últimos; e moitos que son os últimos e serán os primeiros. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)