Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 17 - Biblia SEPT


A transfiguración (Mc 9, 2-13; Lc 9, 28-36)

1 Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto.

2 Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.

3 Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el.

4 Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús: Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

5 E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo: Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.

6 O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor.

7 Xesús achegándose, tocounos e díxolles: Erguédevos, non teñades medo!

8 E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.

9 Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles: Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.

10 E preguntáronlle os discípulos: Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?

11 El respondeu: Si, Elías tiña que vir e volver poñer todo en orde e restablecelo todo.

12 Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, e fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito tamén o Fillo do Home padecerá nas súas mans.

13 Entón comprenderon os discípulos que o dixera referíndose a Xoán Bautista.


O neno lunático (Mc 9, 14-29; Lc 9, 37-43)

14 E cando chegaron a onde estaba a xente acercóuselle un home, que de xeonllos

15 lle suplicou: Señor, ten compaixón do meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no lume e na auga.

16 Presentéillelo ós teus discípulos e non o deron curado.

17 Respondeu Xesús: Xeración incrédula e perversa! Ata cando vos terei que soportar? Traédemo aquí!

18 Entón Xesús increpou ó demoño e saíu del. E desde aquela hora ficou curado o rapaz.

19 Entón achegáronselle os discípulos e preguntáronlle en privado: Por que non o demos botado nós?

20-21 El respondeulles: Pola vosa pouca fe. E asegúrovos que se tivésedes sequera unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a este monte: "vai de aquí para alá", e o monte había ir. E nada sería imposible para vós.


Segundo anuncio da paixón (Mc 9, 30-32; Lc 9, 44-45)

22 Andando eles xuntos por Galilea, díxolles Xesús: O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes,

23 que o matarán; pero ó terceiro día resucitará. Eles ficaron moi tristes.


A contribución do templo

24 Cando chegaron a Cafarnaún acercáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle: Seica o voso Mestre non paga a contribución?

25 El respondeulles: Si que paga. E cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle: Que che parece, Simón: Os reis da terra de quen cobran as taxas ou contribucións: dos fillos ou dos alleos?

26 O responder el que dos alleos, Xesús concluíu: Polo tanto, os fillos están exentos.

27 Con todo, para non ser ocasión de escándalo, vai ó mar, bota o anzol, colle o primeiro peixe que pique, e ábrelle a boca: alí atoparás unha moeda. Cóllea, e entrégaa por min e mais por ti.

Lean sinn:



Sanasan