Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 15 - Biblia SEPT


A tradición dos devanceiros (Mc 7, 1-23)

1 Entón achegáronse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:

2 Por que os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de comer?

3 El contestoulles: E logo por que quebrantades vós o mandamento de Deus por causa de vosa tradición?

4 Porque Deus dixo: Mira por teu pai e mais por túa nai, e quen abandone a seu pai ou súa nai é reo de morte.

5 Pero vós dispoñedes: "quen lle diga a seu pai ou a súa nai: ofrézolle ó templo o sustento que teño para vós,

6 non ten por que coidar de seu pai"; así invalidades o mandamento de Deus por mor da vosa tradición.

7 Hipócritas! Ben profetizou de vós o profeta Isaías cando dixo:

8 Este pobo hónrame cos labios, pero o seu corazón está lonxe de min.

9 Inutilmente me renden culto, porque a doutrina que ensinan non son máis ca costumes humanos.

10 E, convocando á xente, díxolles: Escoitade e procurade entender:

11 Non é o que entra pola boca o que mancha ó home; o que sae pola boca, iso si que mancha ó home.

12 E, achegándoselle os discípulos, dixéronlle: Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ó escoitaren a túa palabra?

13 El contestoulles: Toda planta que non plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz.

14 Deixádeos: son cegos e guías de cegos. Se un cego guía a outro cego, ambos caerán na cova.

15 Rogoulle Pedro: Explícanos a comparanza.

16 El díxolle: Tamén vós estades aínda sen entender?

17 Non comprendedes que todo o que entra pola boca vai dar ó ventre, e de alí ó escusado?

18 Pero o que sae pola boca procede do corazón, e isto si que mancha ó home.

19 Porque do corazón proceden os malos pensamentos, os asasinatos, os adulterios, as fornicacións, os roubos, os falsos testemuños, as blasfemias.

20 Isto é o que mancha ó home; pero comer sen lavar as mans, iso non mancha ó home.


Viaxe polos arredores de Galilea. A muller cananea (Mc 7, 24-30)

21 Saíndo de alí foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón.

22 E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba: Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.

23 Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle: Despídea, que vén berrando detrás de nós.

24 El contestoulles: Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.

25 Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle: Señor, váleme!

26 El respondeulle: Non é ben quitarlles o pan ós fillos para llelo botar ós cadelos.

27 Pero ela contestou: Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.

28 Entón respondeulle Xesús: Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas! E a súa filla ficou sa naquela hora.


Máis curacións

29 Marchou Xesús daquela terra e chegou onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí.

30 E veu a pé del un mundo de xente, traendo consigo coxos, cegos, eivados, xordos e outros moitos; botábanos ós pés de Xesús e el curábaos a todos.

31 De xeito que a xente ficaba pasmada vendo os mudos falar, curados os eivados, os coxos andar e os cegos ver; e glorificaban ó Deus de Israel.


Segunda multiplicación do pan (Mc 8, 1-10)

32 Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles: Dáme pena esta xente: hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non os quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.

33 Dixéronlle os discípulos: E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar tanta xente?

34 Pero el preguntoulles: E logo, cantos pans tedes? Eles responderon: Sete e mais algúns peixes.

35 Mandou que a xente sentase no chan;

36 despois colleu os sete bolos e mais os peixes, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos ós seus discípulos; e os discípulos dábanllos á xente.

37 Comeu a xente a se fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.

38 Os que comeron eran uns catro mil homes, sen contar mulleres nin nenos.

39 Despois, despediu a xente, subiu á barca e foise para a terra de Magadán.

Lean sinn:



Sanasan