Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Mateo 14 - Biblia SEPT


Morte do Bautista (Mc 6, 14-30; 9, 7-9)

1 Naquel tempo chegou a sona de Xesús ós oídos de Herodes, o tetrarca.

2 Este comentou cos seus cortesáns: Ese é Xoán Bautista, que resucitou de entre os mortos con poderes milagrosos.

3 Pois Herodes prendera a Xoán, meténdoo na cadea por cousa de Herodías, muller de seu irmán Filipo.

4 Porque Xoán non paraba de lle dicir: Non che está permitido vivir arrimado con ela.

5 E aínda que Herodes o quería matar, tíñalle medo á xente, que o consideraba un profeta.

6 Mais, cando Herodes celebrou o seu día de anos, a filla de Herodías bailou diante de todos. E tanto lle agradou a Herodes

7 que lle prometeu baixo xuramento darlle o que lle pedira.

8 Ela, encirrada pola súa nai, díxolle: Tráeme nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

9 O rei entristeceuse, pero, como o xurara e por cousa dos convidados, ordenou que lla trouxesen,

10 e mandou que fosen decapitar a Xoán na cadea.

11 Trouxeron a cabeza nunha bandexa e entregáronlla á rapaza, que lla levou á nai.

12 Logo viñeron os seus discípulos recoller o corpo e sepultalo. Despois foron informar a Xesús.


Primeira multiplicación do pan (Mc 6, 30-44; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-14)

13 Cando o soubo Xesús retirouse de alí nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas.

14 Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos.

15 Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle: O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.

16 Xesús díxolles: Non precisan marchar, dádelles vós de comer.

17 Eles responderon: Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.

18 Pero Xesús replicoulles: Pois, traédemos aquí.

19 E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a mirada ó ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos ós discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente.

20 E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas.

21 Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.


Anda por riba da auga (Mc 6, 45-52; Xn 6, 16-21)

22 De seguida mandou ós seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente.

23 Despois de despedila, subiu ó monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.

24 E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra.

25 O riscar o día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar.

26 E, os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse dicindo: "é unha pantasma", e, cheos de medo, empezaron a berrar.

27 De seguida faloulles Xesús dicindo: Tranquilos, non teñades medo, que son eu.

28 Respondeulle Pedro: Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.

29 El díxolle: Ven. Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús.

30 Pero, ó sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar: Señor, sálvame!

31 Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle: Home de pouca fe, por que dubidas?

32 E ó subiren eles á barca, quedouse o vento.

33 Os que estaban na barca prostráronse ante el dicindo: Realmente ti es Fillo de Deus.


Curacións en Xenesaret (Mc 6, 53-56)

34 Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret.

35 O recoñecelo, os homes do lugar mandaron aviso a toda a comarca. Leváronlle todos os enfermos,

36 rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaron, curaron.

Lean sinn:



Sanasan