Mateo 10 - Biblia SEPTMisión dos Doce (Mc 3, 13-19; 6, 7-13; Lc 6, 12-16; 9, 1-6) 1 E chamando ós doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda enfermidade e doenza. 2 Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro Simón, chamado Pedro, e mais Andrés seu irmán, Santiago o do Zebedeo e mais Xoán seu irmán, 3 Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateu, o recadador de impostos, Santiago o de Alfeo e mais Tadeu, 4 Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou. 5 A estes doce mandounos Xesús con estas instrucións: Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; 6 ide máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. 7 E mentres camiñades proclamade que xa chega o Reino dos Ceos. 8 Curade enfermos, resucitade mortos, limpade gafos, botade os demos fóra. E xa que de balde recibistes, dade de balde tamén. 9 Non levedes nin ouro, nin prata, nin cobre nas vosas faixas; 10 nin alforxa para o camiño, nin dúas túnicas, nin sandalias, nin caxato; porque o traballador ben merece a súa mantenza. 11 En calquera vila ou aldea que entredes, informádevos se hai alguén de confianza e permanecede alí ata que marchedes. 12 O entrar na casa, saudade. 13 Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é digna, que a vosa paz volva convosco. 14 E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés. 15 Asegúrovos que o día do Xuízo será máis livián para Sodoma e Gomorra do que para aquela vila. As persecucións (Mc 13, 9-13; Lc 21, 12-17) 16 Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. 17 Tede coidado coa xente, porque entregaranvos ós tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. 18 E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis, así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns. 19 E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque naquela hora hásevos inspirar o que tendes que dicir. 20 Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. 21 Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. 22 Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final hase salvar. 23 Cando vos persigan nunha vila fuxide a outra, porque de certo vos aseguro: non acabaredes de andar as vilas de Israel antes de que veña o Fillo do Home. 24 Non é o discípulo máis có seu Mestre, nin o servo máis có seu Señor. 25 Abóndalle ó discípulo chegar a ser coma o seu Mestre; e ó servo coma o seu Señor. Se ó dono da casa o alcumaron Belcebul, canto máis ós da súa casa! A quen temer (Lc 12, 2-9) 26 Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. 27 O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas. 28 Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. 29 Non se venden un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai. 30 Pois vós, mesmo tedes contados os pelos todos da cabeza. 31 Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos. 32 Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. 33 Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial. Xesús, sinal de contradición (Lc 12, 51-53; 14, 26-27) 34 Non vaiades pensar que vin traer paz á terra: non vin traer paz senón espada. 35 Por-que vin enfrontar o home co seu pai, a filla coa súa nai, a nora coa súa sogra 36 e os propios familiares serán os inimigos de cada un. 37 Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. 38 E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. 39 Quen trate de conservar a vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa. 40 Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ó que me mandou. 41 Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. 42 E quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)