Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 9 - Biblia SEPT

1 E engadiu: Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o Reino de Deus con gran poder.


A transfiguración (Mt 17, 1-13; Lc 9, 28-36)

2 Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sós ó coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza.

3 Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar.

4 Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús.

5 E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús: Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.

6 Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía.

7 E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz: Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.

8 E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús.

9 Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos.

10 Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos".

11 E preguntáronlle: Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?

12 El contestoulles: Elías ten que vir primeiramente a restablecelo todo. Pero entón, como é que está escrito que o Fillo do Home ten que padecer moito e ser aldraxado?

13 O que vos digo é que Elías xa veu e que fixeron con el canto lles petou, como estaba escrito del.


O neno epiléptico (Mt 17, 14-21; Lc 9, 38-43)

14 O chegaren onde estaban os outros discípulos, atoparon moita xente arredor, e uns letrados discutindo con eles.

15 En canto que a xente o albiscou, correu sorprendida a saudalo.

16 El preguntoulles: De que estades a discutir?

17 Un deles respondeu: Mestre, trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar.

18 Cando se apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca, e renxe os dentes, e fica teso. Rogueilles ós teus discípulos que o librasen, e non puideron.

19 El contestou: Oh xeración incrédula! Ata cando terei que estar convosco? Ata cando terei que aturarvos? Traédemo acá.

20 Trouxéronllo, e, mal viu a Xesús, o espírito sacudiu violentamente o neno, que rolou polo chan, escumando pola boca.

21 Entón preguntoulle Xesús ó pai: Desde cando anda así? El respondeulle: Desde picariño.

22 E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con el. Pero se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.

23 Xesús contestoulle: Como que "se podo"? Para quen ten fe non hai imposibles.

24 Inmediatamente, o pai do neno exclamou: Creo; axúdame no que lle falta á miña fe!

25 Vendo Xesús que a xente se amoreaba, increpou ó espírito malo: Espírito mudo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non volvas entrar nel nunca máis.

26 E dando berros e fortes sacudidas, saíu, deixando o neno coma morto; de tal xeito que moitos xa dicían que morrera.

27 Pero Xesús, colleuno pola man e ergueuno ata que se mantivo de pé.

28 O entraren con el na casa, preguntábanlle á parte os discípulos: E por que non o demos botado nós?

29 El respondeulles: Esta caste non sae se non é a forza de oración.


Novo anuncio da paixón (Mt 17, 22-23; Lc 9, 44-45)

30 E marcharon de alí, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén;

31 pois ía informando ós discípulos, dicíndolles: O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.

32 Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.


Quen é o mais importante? (Mt 18, 1-5; Lc 9, 46-48)

33 Chegaron a Cafarnaún, e, cando estaban na casa, preguntoulles: De que viñades discutindo polo camiño?

34 Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante.

35 Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles: O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.

36 E, collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo, dixo:

37 Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.


Quen non está contra nós, está connosco (Lc 9, 49-50)

38 Díxolle Xoán: Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.

39 Xesús contestoulle: Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min.

40 O que non está contra nós, está connosco.

41 Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.


O escándalo (Mt 18, 6-9)

42 E a quen escandalizar un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ó mar.

43-44 E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ó inferno, no lume que nunca se apaga.

45-46 E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno.

47 E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno,

48 onde o verme non morre nin o lume se apaga.

49 Pois todo se salga co lume.

50 O sal é bo, pero se o sal se volve insulso, con que o salgaredes? Que non falte o sal entre vós, e vivide en paz.

Lean sinn:



Sanasan