Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 8 - Biblia SEPT


Segunda multiplicación do pan (Mt 15, 32-39)

1 Por aqueles días, como se xuntaba tamén moita xente arredor de Xesús e non tiñan que comer, chamou polos discípulos e díxolles:

2 Dáme pena esta xente: hai tres días que vén detrás miña e non ten nada que comer.

3 Se os mando para as súas casas, sen que metan algo na boca, poden esmorecer polo camiño, que moitos deles véñenvos de ben lonxe.

4 Os discípulos responderon: E de onde se pode quitar, en pleno descampado, pan abondo para fartalos?

5 E preguntoulles: E logo canto pan tendes? Responderon: Temos sete bolos.

6 Foi el e mandou que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos ós seus discípulos, para que os repartisen entre a xente; e así o fixeron.

7 Tiñan tamén algúns peixes; el bendiciunos e mandou que os repartisen.

8 A xente comeu a fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.

9 Eran uns catro mil. Despediunos,

10 e de seguida embarcou cos seus discípulos, marchando para a rexión de Dalmanuta.


Os fariseos piden un sinal (Mt 16, 1-4)

11 Uns fariseos saíronlle ó paso, e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo.

12 El deu un profundo suspiro, e dixo: Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.

13 Así, deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda.


O fermento dos fariseos (Mt 16, 5-12)

14 Os discípulos esqueceran levar pan, e non tiñan máis ca un bolo na barca.

15 Xesús recomendoulles: Tende coidado, e gardádevos do fermento dos fariseos e do fermento de Herodes.

16 Pero eles latricaban entre si: "o caso é que non temos pan".

17 Xesús decatándose díxolles: Como! Así que estades a falar de que non tendes pan! Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? Tan cegos estades?

18 Tendes ollos, e non vedes; oídos e non oídes? Xa non vos acorda

19 cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan entre cinco mil persoas? Contestaron: Foron doce.

20 E cando repartín sete bolos entre catro mil, cantas cestas recollestes? Responderon: Recollemos sete.

21 E concluíu: E logo aínda non comprendedes?


Curación dun cego

22 Chegaron a Betsaida, e trouxéronlle un cego, pedíndolle que o tocase.

23 El, collendo o cego pola man, sacouno para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el, e preguntoulle: Ti ves algo?

24 El, que comezaba a albiscar algo, dixo: Vexo homes, aínda que me parecen árbores que andan.

25 Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben: estaba curado, e vía todo claramente.

26 Logo mandouno para a casa, dicíndolle: Nin tan sequera entres na aldea.


A confesión de fe de Pedro, e o primeiro anuncio da paixón (Mt 16, 13-23; Lc 9, 18-22)

27 Ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles: Quen di a xente que son eu?

28 Eles responderon: Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.

29 El preguntoulles a eles: E vós, quen dicides que son? Respondeu Simón Pedro: Ti es o Mesías.

30 E prohibiulles diciren nada a ninguén.

31 Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e mais os letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.

32 Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle.

33 Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno: Arreda de min, Satán, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!


Como seguir a Xesús (Mt 16, 24-28; Lc 9, 23-27)

34 E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos: Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga.

35 Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.

36 Pois de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida?

37 E que pode dar un home para recobrar a súa vida?

38 Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.

Lean sinn:



Sanasan