Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 6 - Biblia SEPT


Na sinagoga de Nazaret (Mt 13, 53-58; Lc 4, 16-30)

1 Saíndo de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos.

2 Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada: De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man?

3 Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco? Estaban realmente escandalizados.

4 Pero Xesús díxolles: Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.

5 E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo as mans.

6 Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.


A misión dos apóstolos (Mt 10, 1. 9-15; Lc 9, 1-6)

7 Entón chamou os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.

8 Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa.

9 Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica.

10 E avisounos: Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes.

11 Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.

12 Marcharon, e predicaron a conversión.

13 Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.


Morte de Xoán Bautista (Mt 14, 1-12; Lc 3, 19-20; 9, 7-9)

14 Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, chegou ós oídos do rei Herodes, xunto cos comentarios que facían: "é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actuaban nel eses poderes".

15 Outros dicían que era Elías ou algún profeta.

16 Pero Herodes dicía: É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado.

17 Porque Herodes mandara encadear a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara.

18 Xoán non paraba de lle dicir: Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

19 Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán, e queríao matar.

20 Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo lle gustaba oílo falar, aínda que quedase desacougado.

21 Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día que facía anos deu un banquete ós ministros, oficiais e xente importante de Galilea.

22 Resulta que, entrando a filla da mesma Herodías, bailou moi ben, e gustoulle moito a Herodes e a todos os convidados. Entón o rei díxolle á rapaza: Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

23 E xurou. Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.

24 Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle: Que lle pedirei? Ela díxolle: Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.

25 E volvendo axiña onda o rei, díxolle: Quero que me deas de contado, nunha bandexa, a cabeza de Xoán Bautista.

26 O rei púxose moi triste, pero, polos xuramentos e mais polos convidados, non quería defraudala.

27 E de seguida mandou a un verdugo traer a cabeza de Xoán; cortoulla,

28 tróuxoa nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai.

29 Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.


Primeira multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-13)

30 Cando volveron a reunirse con Xesús, os apóstolos contáronlle canto fixeran e ensinaran.

31 El díxolles: Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco. Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.

32 Fóronse sós na barca a un lugar arredado.

33 Pero, ó velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas, e chegaron primeiro ca eles.

34 Así, cando desembarcaron, atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.

35 Como se facía tarde, acercáronselle os discípulos e dixéronlle: Por aquí non hai casas e xa pasa moito da hora:

36 vai ser mellor que os despidas, para que vaian ás aldeas e vilas veciñas, e merquen algo de comer.

37 Pero el respondeulles: Dádelles vós de comer. Contestaron: Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?

38 El preguntoulles: E, logo, canto pan tendes? Fixeron o reconto e dixeron: Por xunto temos cinco bolos e mais dous peixes.

39 El mandounos sentar en grupos na herba verde.

40 E fóronse sentando en grupos de cen ou cincuenta.

41 El colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, e partiu os bolos, e déullelos ós discípulos, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre todos.

42 Comeron todos ata se fartaren

43 e recolleron de anacos e das sobras dos peixes doce cestos cheos.

44 E os que comeran os pans eran cinco mil homes.


Anda por riba da auga (Mt 14, 22-33; Xn 6, 16-21)

45 De seguida mandou ós seus discípulos que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente.

46 E cando rematou de se despedir, foi orar ó monte.

47 Fíxose noite, e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra.

48 Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ó raiar o día foi cara a eles, andando polo mar.

49 Pero eles, ó velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma, e empezaron a berrar.

50 Mais el de contado faloulles: Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.

51 E subiu á barca, onda eles. Acougou o vento, e todos quedaron abraiados de vez,

52 porque non comprenderan o milagre do pan, ó teren aínda cerrado o entendemento.


Cura os enfermos de Xenesaret (Mt 14, 34-36)

53 Cando atravesaron para a outra banda, chegaron a Xenesaret, e alí desembarcaron.

54 A xente de contado o recoñecía.

55 Percorrendo toda aquela comarca, levábanlle todos os enfermos en leitos;

56 e en aldeas, vilas e cidades, cando oían que andaba por alí, pousaban os enfermos nas rúas, rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaban, curaban.

Lean sinn:



Sanasan