Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 5 - Biblia SEPT


Curación dun endemoñado (Mt 8, 28-34; Lc 8, 26-39)

1 Chegaron á outra banda do mar, ó país de Gadara.

2 E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ó encontro desde os sepulcros

3 onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar.

4 Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns; pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de o domear.

5 Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas pedras.

6 Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el,

7 gritando con toda forza: Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.

8 Pois Xesús mandáralle: Bótate fóra dese home, espírito malo.

9 E preguntoulle tamén: Como te chaman? El respondeulle: Chámanme lexión, porque somos moitos.

10 E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra.

11 E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba do monte,

12 todos aqueles demos rogáronlle a Xesús: Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.

13 El accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no mar.

14 Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba.

15 Chegaron onde estaba Xesús, e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron pasmados.

16 Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e mais cos porcos.

17 Entón empezaron a pedirlle que se afastara daquelas terras.

18 E cando el se embarcara, o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el.

19 Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo: Vaite para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.

20 El marchou e comezou a pregoar, pola Decápole adiante, canto lle fixera Xesús. Todos ficaban pasmados.


A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mt 9, 18-26; Lc 8, 40-56)

21 Pasando de novo nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar.

22 Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ó velo, botouse ós seus pés

23 suplicándolle: A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.

24 E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.

25 Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás,

26 e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor.

27 Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido,

28 dicindo para si: "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa".

29 E secándoselle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.

30 Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou: Quen me tocou na roupa?

31 Os discípulos respondéronlle: Ti ben ves a xente preméndote; e aínda preguntas por quen te tocou?

32 Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora.

33 Daquela, a muller, medorenta e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade.

34 El díxolle: Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.

35 Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle: A túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando ó Mestre?

36 Pero Xesús, ó escoitar o que estaban a falar, díxolle ó xefe da sinagoga: Non temas, abonda que teñas fe.

37 E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.

38 O chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos,

39 entrou e díxolles: A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

40 E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mais os seus acompañantes, entrou onde estaba a nena.

41 Colleuna pola man e díxolle: —Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").

42 A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta.

43 El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.

Lean sinn:



Sanasan