Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 4 - Biblia SEPT


Parábola da semente (Mt 13, 1-9; Lc 8, 4-8)

1 E púxose de novo a ensinalos á beira do mar. Tanta era a xente reunida ó pé del, que tivo que subir para sentar nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira.

2 Ensinoulles moitas cousas en parábolas, e instruíaos así:

3 Escoitade: Dunha vez saíu un labrador a sementar.

4 E resulta que, ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros, e comérona.

5 Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura;

6 pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou.

7 Outra parte caeu na silveira, e, ó medraren as silvas, afogárona, e non a deixaron dar froitos.

8 Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos: o trinta, o sesenta, e aínda o cento por un.

9 E concluíu: Quen teña oídos para oír, que escoite.


Motivo das parábolas (Mt 13, 10-15; Lc 8, 9-10)

10 Máis tarde, cando ficou só, os que o acompañaban xunto cos Doce, preguntábanlle polas parábolas.

11 El respondeu: A vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero ós de fóra soamente en parábolas,

12 de tal xeito que mirar miren, pero non vexan; escoitar escoiten, pero non entendan: non sexa que se convertan e se lles perdoe.


Explicación da parábola (Mt 13, 18-23; Lc 8, 11-15)

13 E continuou: Se non comprendedes esta parábola, como ides comprender todas as outras?

14 O sementador sementa a Palabra.

15 Os do camiño son aqueles nos que se sementa a Palabra, pero cando a escoitan vén Satán e repáñallela.

16 Da mesma maneira son aqueles que de seguida reciben a semente con alegría, pero pásalles o mesmo do que á sementada entre as pedras:

17 por non teren raíces e seren inconstantes, mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandonan.

18 A outros pásalles coma á semente caída entre as silvas: si escoitan a Palabra,

19 pero moi axiña as preocupacións do mundo, o engano das riquezas e mais as ambicións, asolágana, afógana, e queda sen froito.

20 Pero os que son coma a boa terra, escóitana, acóllena e dan moito froito: uns o trinta, outros o sesenta, e outros o cento por un.


Outras comparacións: o candil (Mt 5, 15; 10, 26; Lc 8, 16-18; 11, 33; 12, 2)

21 E dicíalles tamén: Pero é que se trae un candil para metelo debaixo dun cazolo ou debaixo da cama? Non será para poñelo enriba do candeeiro?

22 Porque se hai algo oculto, é para que se descubra; nin nada se fai en secreto, se non é para traelo á luz pública.

23 Quen teña oídos para oír, que escoite.

24 Dicíalles tamén: Atendede ben ó que estades escoitando. Coa medida que midades, hanvos medir a vós, e ben sobrado.

25 Porque ó que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle quitará.


A semente que crece

26 E dixo tamén: Así é o Reino de Deus: coma un home que bota a semente na terra,

27 e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como.

28 A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga.

29 E cando xa está achegado o froito, de seguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.


O gran de mostaza (Mt 13, 32-34; Lc 13, 18-19)

30 E tamén dicía: Con que compararemos o Reino de Deus?

31 É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes.

32 Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.

33 E así con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender.

34 Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas ós seus discípulos.


Calma e tempestade (Mt 8, 18. 23-27; Lc 8, 22-25)

35 E naquel día á caída da noite, díxolles: Ora, vamos para a banda de alá.

36 Eles, deixando a xente, levárono no bote onde estaba sentado; e ían seguidos por outras barcas.

37 E formouse tal remuíño de vento que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga.

38 El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar, berrándolle: Mestre, seica non che importa que afoguemos?

39 Entón el, espertando, increpou ó vento, e díxolle ó mar: Silencio, e acouga! O vento amainou, e veu unha gran calma.

40 Despois díxolles: Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tendes fe?

41 Eles, cheos dun medo enorme, comentaban entre si: Pero, quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?

Lean sinn:



Sanasan