Marcos 3 - Biblia SEPTA curación nun sábado (Mt 12, 9-14; Lc 6, 6-11) 1 De novo entrou na sinagoga; alí atopou un home que tiña a man tolleita. 2 Todos estaban atentos, a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado, para o poderen acusar. 3 Entón díxolle Xesús ó home da man tolleita: Érguete e ponte no medio. 4 E preguntoulles: Que está permitido no sábado: facer o ben, ou facer o mal; salvar a vida ou matar? Pero ninguén falou palabra. 5 E botándolles unha ollada, chea de carraxe e tristura, debido á dureza dos seus corazóns, díxolle ó enfermo: Estende a túa man. El estendeuna, e a man curou. 6 E xa ó saíren da sinagoga, os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabaren con el. Novas curacións na ribeira do mar de Galilea (Mt 4, 24-25; Lc 6, 17-19) 7 Xesús foi cos seus discípulos para a ribeira do mar, seguido por unha grande multitude, chegada de Galilea e Xudea. 8 Tamén de Xerusalén, Idumea, da outra banda do Xordán e mais da comarca de Tiro e Sidón. Acudiron a el, despois de oíren as cousas que facía. 9 El encargoulles ós seus discípulos que lle tivesen preparada unha lanchiña, para que a xente non se lle botase enriba; 10 porque curara a tantos que todos o querían tocar e ficar así ceibos das súas doenzas. 11 Mesmo os malos espíritos, cando o vían, se prostraban ante el, proclamando: Ti es o Fillo de Deus. 12 Pero el ameazábaos, para que non o descubrisen. A elección dos Doce (Mt 5, 1; 10, 1-4; Lc 6, 12-16) 13 E subindo ó monte, chamou os que el quixo, e xuntáronse con el. 14 Logo designou Doce para que o acompañasen, e para envialos a predicar 15 con poder de botar o demo fóra. 16 Estes foron os Doce que designou: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro; 17 Santiago, o fillo de Zebedeo e mais o seu irmán Xoán, ós que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que quere dicir fillos do Trebón; 18 Andrés e Filipe, Bartolomeu e Mateu, Tomé e Santiago o fillo de Alfeo, Tadeu e Simón o Zelota, 19 e Xudas Iscariote, o traidor. Calumnias dos letrados, e desconfianza dos seus parentes (Mt 12, 24-32; Lc 11, 15-23; 12, 10) 20 E foron para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente, que nin podían comer. 21 E cando o souberon os seus parentes, foron buscalo á forza; porque a xente dicía que perdera o sentido. 22 Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían: "ten dentro a Belcebú; bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños". 23 El chamou por eles e púxolles estas comparanzas: Como pode Satán botar a Satán? 24 Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. 25 Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. 26 Así que, se Satán está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido. 27 Ninguén pode entrar na casa dun home forte, e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa. 28 Tede por seguro que todo se lles perdoará ós homes, os pecados e cantas blasfemias digan; 29 pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará, e cargará eternamente co seu pecado. 30 Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo. A nai e os irmáns de Xesús (Mt 12, 46-50; Lc 8, 19-21) 31 Nisto chegan súa nai e mais os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. 32 Era moita a xente que estaba sentada arredor del, e fóronlle dicir: Aí fóra están túa nai e mais teus irmáns, que te veñen buscar. 33 El respondeu: Quen é miña nai, e quen son meus irmáns? 34 E mirando os que estaban sentados arredor del, dixo: Velaí a miña nai e mais os meus irmáns: 35 pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)