Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 2 - Biblia SEPT


Curación dun paralítico (Mt 9, 1-8; Lc 5, 17-26)

1 De alí a uns días entrou de novo en Cafarnaún, e sóubose que estaba na casa;

2 tantos se xuntaron que nin diante da porta había xa sitio. El expoñíalles a Palabra.

3 Entón, entre catro, trouxeron un home tolleito.

4 Pero, non podendo chegar ó pé del, pola moita xente que había, levantaron o teito onde el estaba, e abriron un furado ata poderen meter o leito co enfermo, e descolgalo.

5 Xesús, vendo a fe que tiñan, díxolle ó tolleito: Meu fillo, quédanche perdoados os teus pecados.

6 Pero alí sentados estaban algúns letrados, que matinaban para os seus adentros:

7 "Pero, que está a dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?"

8 Xesús, decatándose axiña do que estaban cavilando, díxolles: Por que razoades así nos vosos adentros?

9 Que é máis fácil: dicirlle a este tolleito: "quedan perdoados os teus pecados", ou dicirlle: "érguete, colle a padiola e vaite?"

10 Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder para perdoar os pecados

11 dille ó tolleito, colle a padiola, e vaite á túa casa.

12 E así foi: no instante, ergueuse, colleu o leito, e foise diante de todos; de tal modo que todos ficaron pasmados, e daban gloria a Deus dicindo: Nunca tal cousa vimos.


Vocación de Mateu (Mt 9, 9-13; Lc 5, 27-32)

13 Volveu saír para a beira do mar, e a xente toda seguía acudindo. E el ensinábaos.

14 Ó pasar, viu a Leví, o de Alfeo, sentado no mostrador a cobrar a contribución, e dille: Sígueme. El ergueuse, e seguiuno.

15 Aconteceu que estando Xesús á mesa de Leví, acompañado dos seus discípulos e mais outros recadadores de impostos e pecadores pois eran moitos os que o seguían,

16 os letrados e fariseos, véndoo comer con eles, dixéronlles ós discípulos: Como é que come cos recadadores e pecadores?

17 Xesús sentiunos, e contestoulles: Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.


Discusión polo xaxún (Mt 9, 14-17; Lc 5, 33-39)

18 Un día no que os discípulos de Xoán e mais os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar: Como é que mentres os discípulos de Xoán e mais os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?

19 Xesús contestoulles: Pero, logo, poden os convidados á voda xaxuar mentres dura a voda? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar.

20 Xa virá o día no que lles leven o esposo, e daquela si que xaxuarán.

21 Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande.

22 Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos, e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos.


Xesús defende os seus discípulos (Mt 12, 1-8; Lc 6, 1-5)

23 Un sábado cadrou que pasaron por uns terreos sementados; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas.

24 Entón dixéronlle os fariseos: Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer nun sábado?

25 El respondeulles: Seica non sabedes o que fixo David, cando el e mais os seus acompañantes se viron apurados e con fame?

26 No tempo do Sumo Sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido pan que só podían comer os sacerdotes e repartiu incluso cos seus compañeiros.

27 E concluíu: O sábado fíxose para o servizo do home, e non o home para o servizo do sábado.

28 Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.

Lean sinn:



Sanasan