Marcos 14 - Biblia SEPTConspiración contra Xesús (Mt 26, 1-5; Lc 22, 1-2; Xn 11, 47-53) 1 Faltaban dous días para a Pascua e os Ácimos. Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como collelo a traizón, para matalo. 2 Pero dicían: "Durante as festas non é ben, porque se pode armar un rebumbio cando hai aquí tanta xente". Unción en Betania (Mt 26, 6-13; Lc 7, 36-50; Xn 12, 1-8) 3 Estando Xesús en Betania, na casa do Simón o Gafo, recostado na mesa, chegou unha muller cun frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco, e unxiulle a cabeza. 4 Algúns dos convidados comentaban indignados: Pero a que vén este estrago de perfume? 5 Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos ós pobres. E alporizábanse contra ela. 6 Pero Xesús dixo: Deixádea, por que a molestades? Ben está o que fixo comigo. 7 Os pobres téndelos sempre entre vós, e podédelos axudar cando queirades; pero a min non me ides ter sempre. 8 Ela fixo o que puido. Adiantouse a unxir o meu corpo para o enterro. 9 Asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer. Traizón de Xudas (Mt 26, 14-16; Lc 22, 3-6) 10 Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdotes, para lles entregar a Xesús. 11 Eles alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. E andaba buscando o momento axeitado para entregalo. Preparación da Pascua (Mt 26, 17-19; Lc 22, 7-13) 12 No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle os seus discípulos: Onde queres que vaiamos preparar a Cea Pascual? 13 El mandou a dous discípulos, dicíndolles: Ide á cidade, e havos saír ó paso un home, cunha sella de auga. 14 Ide tras el e onde entre, dicídelle ó dono da casa: "O Mestre pregunta: onde está o lugar no que podo comer a Pascua cos meus discípulos?" 15 El havos mostrar no sobrado unha grande sala, xa disposta e arranxada. Vós preparade o que faga falta. 16 Marcharon os discípulos e, chegando á cidade, atoparon todo tal como llelo el dixera. E prepararon a Pascua. Anuncio da traizón (Mt 26, 20-25; Lc 22, 14. 21-23; Xn 13, 21-30) 17 A tardiña, foi el cos Doce. 18 E estando na mesa comendo, díxolles Xesús: Asegúrovos que un de vós me vai entregar, un dos que está comendo comigo. 19 Eles, poñéndose tristes, empezaron a preguntarlle un por un: Non serei eu? 20 Pero el dixo: Un dos Doce, que está mollando no mesmo prato ca min. 21 O Fillo do Home vaise, como está escrito; pero ai daquel que traizoa ó Fillo do Home! Máis lle valería non nacer. A Eucaristía (Mt 26, 26-29; Lc 22, 15-20; 1 Cor 11, 22-26) 22 Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo: Tomade, isto é o meu corpo. 23 E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela. 24 E díxolles: Isto é o meu sangue, da Alianza, vertido por todos. 25 Asegúrovos que xa non volverei beber do produto da viña ata o día que o beba, noviño, no Reino de Deus. Predición das negacións de Pedro (Mt 26, 30-35; Lc 22, 31-34. 39) 26 Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. 27 Díxolles Xesús: Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ó pastor e espallaranse as ovellas. 28 Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea. 29 Replicoulle Pedro: Aínda que tropecen todos, eu non caerei. 30 Xesús respondeulle: Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres. 31 Pedro insistiu aínda: Anque teña que morrer contigo, endexamais non te negarei. E o mesmo dicían os outros. A oración en Xetsemaní (Mt 26, 36-46; Lc 22, 40-46) 32 Chegaron a unha finca chamada Xetsemaní, e díxolles ós discípulos: Sentade aquí, mentres eu vou orar. 33 E levando consigo a Pedro, Santiago e Xoán, empezou a sentir arrepío e angustia. 34 E díxolles: Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade. 35 E avanzando un pouco, caeu no chan, rogando para que, se fose posible, pasase del aquela hora. 36 E dicía: —Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti. 37 E volvendo onda eles, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro: Simón, dormes? Seica non podes velar unha hora tan sequera? 38 Estade atentos e rogade, para que non se vos someta á tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil. 39 E arredándose de novo, volveu a pregar do mesmo xeito. 40 Ao volver, outra vez os atopou durmindo, pois caíanlles os ollos co sono; e non sabían que lle dicir. 41 E por terceira vez, volveu Xesús dicindo: Conque durmides e descansades? Pois sabede que xa chegou a hora, e ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos pecadores. 42 Veña!, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar. Detención de Xesús (Mt 26, 47-56; Lc 22, 47-53; Xn 18, 1-11. 20). 43 Estando aínda a falar, presentouse Xudas, un dos Doce, acompañado dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes, letrados e anciáns. 44 O traidor déralles unha contrasinal: Aquel a quen eu bique, ese é; prendédeo, e levádeo con tino. 45 E así que chegou, acercouse e díxolle: Mestre! E bicouno. 46 Eles botáronselle enriba e prendérono. 47 Pero un dos presentes, desenvaiñando a espada, feriu a un criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle unha orella. 48 Xesús reprendeunos dicindo: Víndesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. 49 Estiven a diario no templo entre vós, e non me prendestes. Pero que se cumpran as Escrituras. 50 E todos fuxiron abandonándoo. 51 Só o seguiu un mozo envolto nunha saba. Detivérono. 52 Pero el, desenleouse da saba, e fuxiu espido. Xesús diante do Sanedrín (Mt 26, 57-68; Lc 22, 54-55. 63-71; Xn 18, 12-15. 18) 53 Conduciron a Xesús á casa do Sumo Sacerdote. E xuntáronse todos os pontífices, anciáns e letrados. 54 Pedro seguiuno de lonxe ata o pazo do Sumo Sacerdote, e sentou alí para quentarse cos criados, á beira do lume. 55 Mentres, os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín enteiro teimaban por encontrar algunha testemuña contra Xesús, para o poderen condenar á morte; pero non a atopaban. 56 Moitos testemuñaban en falso contra el, pero non chegaban a pórse de acordo. 57 Algúns, erguéndose, trataron de levantarlle un falso testemuño, dicindo: 58 Nós mesmos oímoslle dicir: "eu destruirei este Templo, feito por homes, e en tres días construirei outro non feito por homes". 59 Pero nin así chegaban a se poñeren de acordo no testemuño. 60 Entón, erguéndose o Sumo Sacerdote e adiantándose ata o medio, interrogou a Xesús: Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti? 61 Pero el calaba, e non respondeu palabra. De novo lle volveu preguntar o Sumo Sacerdote: Es ti o Mesías, o Fillo do Bendito? 62 Xesús contestoulle: Eu son. E habedes ver o Fillo do Home, sentado á dereita do Todopoderoso, vir entre as nubes do ceo. 63 Daquela o Sumo Sacerdote, rachando os vestidos, exclamou: Que necesidade temos xa de testemuñas? 64 Vós mesmos oístes a blasfemia. Que vos parece? Todos o declararon culpable, e que merecía a morte. 65 Algúns empezaron a cuspir nel e tapándolle a cara, dábanlle labazadas, dicindo: Adiviña, profeta! Mesmo os criados tamén mallaban nel. Negacións de Pedro (Mt 26, 69-75; Lc 22, 56-62; Xn 18, 17. 25-27) 66 Estando Pedro embaixo, no patio, chegou unha das criadas do Sumo Sacerdote. 67 O que viu a Pedro quentándose, quedou mirando para el e díxolle: Ti tamén andabas con Xesús de Nazaret. 68 El negouno, dicindo: Non sei nada, nin comprendo de que me falas. E saíndo para fóra, cantou o galo. 69 A criada volveuno ver outra vez, e empezoulles a dicir ós presentes: Este évos un deles. 70 E de novo el volveu negalo. Pero de alí a pouco tamén os presentes empezaron a dicirlle: Si, ti es un deles, que es galileo. 71 El, entón, empezou a maldicir e xurar, dicindo: Eu non coñezo a ese home de quen falades. 72 E, de contado, por segunda vez, cantou o galo. A Pedro acordáronselle as palabras de Xesús: "Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres"; e saíndo para fóra, rompeu a chorar. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)