Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 12 - Biblia SEPT


Parábola da viña (Mt 21, 33-46; Lc 20, 9-19)

1 E comezou a falarlles en parábolas: Un home plantou unha viña, rodeouna cun valado, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros, e marchou para lonxe.

2 No seu tempo, mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña ós viñateiros

3 Pero eles, botáronse enriba del, zorregáronlle duro, e despedírono coas mans baleiras.

4 Vaise el e mándalles outro criado, pero tamén mallaron nel e aldraxárono.

5 Mandoulles outro, e matárono; e a outros moitos bouraron neles e matáronos.

6 Pero aínda lle quedaba un a quen mandar, o seu fillo benquerido; e mandóullelo de último, dicindo para si: "El é fillo meu, e hano respectar".

7 Pero os viñateiros comentaron: "Oi! Este é o herdeiro: veña, matámolo e herdanza para nós!".

8 E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña.

9 Que fará o dono da viña? Volverá, acabará con estes viñateiros e daralles a viña a outros.

10 Ou seica non lestes aquilo da Escritura: A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal;

11 esa colocouna o Señor; que regalía para nós!?

12 Decatándose de que a parábola ía por eles, quixérono prender, pero por medo á xente, deixárono e fóronse.


A contribución do César (Mt 22, 15-22; Lc 20, 20-26)

13 Mandáronlle algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta.

14 O que chegaron onda el, preguntáronlle: Mestre, sabemos que es sincero, e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensinas o verdadeiro camiño de Deus. Está permitido pagarlle a contribución ó Cesar, ou non? Pagámoslla ou non lla pagamos?

15 Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles: E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.

16 Eles leváronllo, e el preguntoulles: De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: É do César.

17 Xesús replicoulles: Pois logo dádelle ó César o do César, e a Deus o de Deus. E ficaron pasmados.


Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Lc 20, 27-40)

18 Chegaron uns saduceos deses que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:

19 Mestre, Moisés deixou escrito: Se lle morre a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia.

20 Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos;

21 o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ó terceiro;

22 e ningún dos sete deixou descendencia. O cabo, morreu tamén a muller.

23 Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se ela estivo casada cos sete?

24 Xesús contestoulles: Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus?

25 Pois cando resuciten nin casarán eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo.

26 E volvendo á resurrección dos mortos, non tedes lido no Libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob?

27 Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados.


O principal mandamento (Mt 22, 34-40; Lc 10, 25-28)

28 Un letrado, que oíra a discusión, decatándose do ben que lles respondera, preguntoulle: Cal é o mais importante de todos os mandamentos?

29 Xesús respondeulle: O primeiro é: Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único,

30 e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas.

31 O segundo é: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.

32 O letrado replicou: Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del;

33 e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e o próximo coma a un mesmo, é mais importante do que todos os sacrificios e holocaustos.

34 Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle: Non estás lonxe do Reino de Deus. E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.


Fillo e Señor de David (Mt 22, 41-46; Lc 20, 41-44)

35 Ensinando no templo, preguntou: Como din os letrados que o Mesías é fillo de David?

36 O mesmo David dixo, inspirado polo Espírito Santo: Díxolle o Señor ó meu Señor: senta á miña dereita, que vou poñer os teus inimigos coma estrado dos teus pés.

37 Ora, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo? E a numerosa multitude escoitaba engaiolada a Xesús.


Denuncia ós letrados (Mt 23, 1-36; Lc 11, 43; 20, 45-47)

38 El seguía ensinando: Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas;

39 buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes.

40 E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.


Xenerosidade da viúva pobre (Lc 21, 1-4)

41 Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura.

42 E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di.

43 Entón chamou ós seus discípulos, é díxolles: Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos.

44 Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.

Lean sinn:



Sanasan