Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Marcos 11 - Biblia SEPT


XESÚS EN XERUSALÉN Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Lc 19, 29-40; Xn 12, 12-19)

1 E cando se aproximaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou a dous discípulos

2 dicíndolles: Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ó que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo.

3 Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: "Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta".

4 Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono.

5 Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles: Que facedes aí desatando o burriño?

6 Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara.

7 E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos.

8 Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas.

9 E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban: Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor!

10 Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!

11 Entrou en Xerusalén e foi ó templo. E despois de dar unha volta por alí, como xa ía sendo tarde, saíu cos Doce para Betania.


Maldición da figueira (Mt 21, 18-19)

12 O outro día despois de saír de Betania, sentiu fame.

13 Vendo de lonxe unha figueira cuberta de follas, achegouse por se acaso atopaba algo; pero non atopou nada fóra de follas, por non ser tempo de figos.

14 Entón dixo: Nunca máis ninguén coma os teus froitos. E os discípulos escoitárono.


Bota os tendeiros do templo (Mt 21, 12-17; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22)

15 Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas.

16 E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas.

17 E púxose a ensinar, dicindo: Non está escrito: a miña casa será a casa de oración para todos os pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos.

18 O que o souberon, os sumos sacerdotes e mais os letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba.

19 E á tardiña saíu da cidade.


Outra vez a figueira (Mt 21, 20-22)

20 O pasaren pola mañá cedo, viron a figueira seca desde a raíz.

21 Pedro acordouse e díxolle a Xesús: Mestre, mira para aí: a figueira que maldiciches, está seca.

22 Xesús respondeu: Tede fe en Deus.

23 Pois asegúrovos que se alguén lle di a este monte: "arríncate de aí e bótate no mar" sen dubidar no seu corazón, senón crendo que se cumprirá o que di, así se fará.

24 Por iso dígovos: canto pidades na oración, crede que o conseguiredes, e darásevos.

25-26 E cando esteades de pé facendo oración, perdoade, se algo tedes contra outros; para que tamén vos perdoe as vosas culpas o voso Pai que está no ceo.


A autoridade de Xesús (Mt 21, 23-27; Lc 20, 1-8)

27 Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores,

28 e preguntáronlle: Con que autoridade fas esas cousas? Quen che deu tal autoridade?

29 Xesús respondeulles: Vouvos facer unha pregunta nada máis, respondédema e logo dígovos eu con que autoridade fago estas cousas.

30 O bautismo de Xoán, era cousa de Deus ou dos homes? Veña, ide respondendo.

31 Eles razoaban entre si, dicindo: "Se respondemos de Deus, vainos preguntar: e daquela por que non crestes no que dicía?

32 Se respondemos entón: dos homes?" (Pero tiñan que andar con moito tino co pobo, que consideraba profeta a Xoán).

33 E contestáronlle a Xesús: Non sabemos. Xesús replicou: Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.

Lean sinn:



Sanasan