Marcos 10 - Biblia SEPTO divorcio (Mt 19, 1-19) 1 De alí foise para os lindeiros de Xudea, na outra banda do Xordán. A xente amoreábase de novo no seu camiño, e, coma sempre, púxose a ensinar. 2 Achegáronselle algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ó home repudiar a muller. 3 El replicoulles: Que foi o que mandou Moisés? 4 Respondéronlle: Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio. 5 Díxolles Xesús: Tendo en conta a dureza de voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. 6 Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. 7 Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, 8 e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. 9 O que Deus uniu, que non o separe o home. 10 Xa na casa, os discípulos volvéronlle a preguntar acerca disto. 11 El díxolles: O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. 12 E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio. Bendí os nenos (Mt 19, 13-15; Lc 18, 15-17) 13 E leváronlle uns nenos para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 14 Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo: Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus. 15 Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel. 16 E abrazounos e bendiciunos e impúxolles as mans. O mozo rico (Mt 19, 16-22; Lc 18, 18-23) 17 No preciso momento en que se puña en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou: Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna? 18 Xesús contestoulle: E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. 19 Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai. 20 El respondeu: Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade. 21 Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu: Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme. 22 Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens. O perigo das riquezas (Mt 19, 23-30; Lc 18, 24-30) 23 Xesús mirando todo arredor, díxolles ós discípulos: Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus! 24 E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir: Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! 25 É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus. 26 Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si: Entón, quen se vai poder salvar? 27 Xesús, mirando para eles fixamente, dixo: Si, para os homes é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus. 28 Colle Pedro e di: Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. 29 Dixo Xesús: Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai, ou fillos ou leiras por cousa miña e polo Evanxeo, 30 que pase sen recibir cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras (aínda que con persecución) agora, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna. 31 E moitos que son os primeiros serán os últimos; e moitos que son os últimos serán os primeiros. Terceiro anuncio da paixón (Mt 20, 17-19; Lc 18, 31-34) 32 Subían camiño de Xerusalén, e Xesús ía diante; os discípulos, aínda asombrados, ían tras el con medo. E levando á parte ós Doce, empezoulles a falar do que lle ía acontecer. 33 Vede que subimos a Xerusalén, e ó Fillo do Home vano entregar ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, e entregarano ós pagáns. 34 Burlaranse del, cuspiranlle, azoutarano, e logo matarano; pero ós tres días ha resucitar. Petición de Santiago e Xoán (Mt 20, 20-28) 35 Achegándose os fillos de Zebedeo Santiago e mais Xoán, dixéronlle: Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir. 36 El preguntou: E logo, que é o que queredes que vos faga? 37 Contestáronlle: Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda. 38 Respondeulles Xesús: Vós non sabedes ben o que pedides. Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir? 39 Respondéronlle: Somos. Xesús replicou: O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, 40 pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado. 41 O escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. 42 Entón Xesús chamounos e díxolles: Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. 43 Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, 44 e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. 45 Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a súa vida en rescate por todos. Curación dun cego (Mt 20, 29-34; Lc 18, 35-43) 46 E chegou a Xericó. Cando saía cos seus discípulos e outra moita xente, Bartimeo, o fillo de Timeo, un cego pobre de pedir, estaba sentado a carón do camiño. 47 Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar: Xesús, Fillo de David, ten piedade de min! 48 Moitos mandábano calar; pero el berraba aínda máis alto: Fillo de David, ten piedade de min! 49 Deténdose Xesús, dixo: Dicídelle que veña aquí. E chamaron polo cego, dicíndolle: Veña, érguete, que te chama! 50 El, ceibándose do manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. 51 Este preguntoulle: Que queres que che faga? O cego respondeu: Mestre, que volva a ver. 52 Xesús díxolle: Ve, salvoute a túa fe. E no instante comezou a ver, e seguiuno polo camiño. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)