Marcos 1 - Biblia SEPTINTRODUCIÓN Predicación de Xoán Bautista (Mt 3, 1-12; Lc 3, 1-18) 1 Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus. 2 Como está escrito no profeta Isaías: Mira: mándoche por diante un mensaxeiro, para que prepare o teu camiño. 3 Unha voz clama no deserto: preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros. 4 Presentouse Xoán no deserto bautizando: pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. 5 E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán. 6 Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. 7 E proclamaba: Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. 8 Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo. Bautismo de Xesús (Mt 3, 13-17; Lc 3, 21-22) 9 E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán. 10 E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. 11 E unha voz deixouse oír desde o ceo: Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto. As tentacións (Mt 4, 1-11; Lc 4, 1-13) 12 Axiña o encamiñou o Espírito ó deserto. 13 Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos. PREDICACIÓN EN GALILEA A Boa Nova (Mt 4, 12-17; Lc 4, 14-15) 14 Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, 15 dicindo: O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova. Os primeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Lc 5, 1-11) 16 Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores. 17 Díxolles Xesús: Vide comigo, e fareivos pescadores de homes. 18 E deixando de contado o aparello, seguírono. 19 Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello na barca. E de seguida os chamou. 20 Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mais os seus tripulantes na barca, seguírono. Curación na sinagoga (Lc 4, 31-37) 21 Viñeron a Cafarnaún, e, ó chegar o sábado, púxose a ensinar na sinagoga. 22 Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. 23 E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar: 24 Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus. 25 Xesús mandoulle: Cala, e bótate fóra dese home. 26 O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. 27 Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo: Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes ós espíritos malos, e eles obedéceno. 28 E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea. Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos (Mt 8, 14-17; Lc 4, 38-44) 29 Despois de saír da sinagoga, foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. 30 A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela. 31 E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos. 32 Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; 33 A vila enteira se amoreou na porta. 34 E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demoños. Pero ós demoños non os deixaba falar, porque o coñecían ben. 35 Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. 36 Simón e mais os seus compañeiros fórono seguindo, 37 e cando o atoparon, dixéronlle: Todos te andan a buscar. 38 El respondeu: Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin. 39 E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos. Curación dun gafo (Mt 8, 2-4; Lc 5, 12-16) 40 Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos: Ti, se queres, pódesme limpar. 41 Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo: Pois quero, queda limpo. 42 E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. 43 E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle: 44 Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ó sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste. 45 Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)