Malaquías 3 - Biblia SEPT1 Velaí: eu envío o meu mensaxeiro, para que limpe o camiño diante de min. Nun momento entrará no seu santuario o Señor a quen vós estades buscando, o mensaxeiro da Alianza, a quen vos lle tendes amor: vede que chega —fala o Señor dos Exércitos—. 2 Quen aguantará o día da súa chegada? Quen se manterá de pé cando El apareza? Si, El será coma o lume do fundidor, coma a lixivia dos que lavan. 3 Sentarase coma o fundidor que refina a prata, refinará os fillos de Leví e purificaraos; coma a prata e coma o ouro, así serán para o Señor os que presenten a ofrenda con xustiza. 4 Entón seralle agradable ó Señor a ofrenda de Xudá e Xerusalén, coma nos días remotos, coma nos anos antigos. 5 Entón achegareime a vós para o proceso xudicial, e serei acusador aleuto contra os feiticeiros e contra os adúlteros, contra os que xuran en falso e contra os que abusan do pagamento do xornaleiro, da viúva e do orfo, e rebaixan os dereitos do emigrante. Pero non me teñen medo —fala o Señor dos Exércitos—. A paga das débedas cúlticas, sinal de fidelidade e bendición 6 Eu son o Señor, non cambiei, pero vós, fillos de Xacob (do que engana) aínda non acabastes. 7 Si, desde os días de vosos pais vídesvos apartando dos meus preceptos, e non os gardades. Volvede a min, e eu volverei a vós —fala o Señor dos Exércitos—. Pero vós dicides: "En que temos que volvernos?" 8 Pode un home roubar a Deus? Pois vós estádesme roubando a min. E dicides: "En que che roubamos?" "Nos décimos e nas primicias". 9 Coa maldición estades sendo malditos, pero seguides roubándome vós, o pobo enteiro. 10 Traede todo o décimo á casa do tesouro. Para que haxa comida no meu templo. Si, poñédeme a proba —fala o Señor dos Exércitos—, para ver se eu non vos abro as comportas do ceo, para librar sobre vós a bendición ata que nada quede na miña man. 11 Rifaríalle en favor voso ó saltón, para que non vos destruíse o froito da terra, e para que a viña no campo non vos quedase sen uva —fala o Señor dos Exércitos—. 12 Entón proclamaríanvos ditosos todos os pobos, pois sodes un país de felicidade, —fala o Señor dos Exércitos—. O día do Señor será de triunfo e ledicia para os seus servidores 13 Os vosos ditos contra min son duros —fala o Señor—. Preguntades: "Que dixemos nós contra Ti?" 14 Dicides: "É cousa inútil servir a Deus! Que proveito quitamos de gardar os seus mandamentos, e de camiñarmos en penitencia na presenza do Señor dos Exércitos? 15 Agora nós declaramos felices os soberbios: Si, os que cometen maldades prosperan, poñen a proba a Deus, líbranse". 16 Deste xeito falan entre eles os que respectan o Señor, cada un co seu próximo, pero o Señor préstalles atención e escóitaos, pois o libro das lembranzas estase escribindo na súa presenza, por mor dos que temen o Señor e estiman o seu Nome. 17 Serán para min —fala o Señor dos Exércitos— propiedade persoal no día en que eu actúe, porque lles perdoarei o mesmo que un home perdoa o fillo obediente. 18 Entón veredes de novo a diferenza entre o xusto e o malvado, entre quen serve ó Señor e quen non o serve. 19 Pois velaí chega o día: abrasará coma un forno, e os soberbios e todos os que cometen a maldade serán palla. Si, o día que chega será a vosa queima —fala o Señor dos Exércitos—: non vos deixará raíz nin póla. 20 Brillará para vós, os que respectades o meu Nome, un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás. Vós sairedes e brincaredes coma becerros ceibos: 21 esmagaredes os malvados, pois serán po baixo a planta dos vosos pés, no día en que eu actúe —fala o Señor dos Exércitos—. Suplementos: mirando ós tempos novos 22 Lembrádevos da lei de Moisés, o meu servo, lei que eu lle ordenei no Horeb, preceptos e decretos para todo Israel. 23 Vede: eu vouvos mandar o profeta Elías antes de que chegue o día do Señor grande e temible: 24 El fará volver o corazón dos pais cara ós fillos, e o corazón dos fillos cara ós pais, non sexa que eu me vexa obrigado a vir para castigar o país co exterminio sagrado. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)