Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Malaquías 2 - Biblia SEPT

1 Agora esta orde vai para vós, sacerdotes:

2 Se non facedes caso e se non colledes a peito darlle gloria ó meu Nome —fala o Señor dos Exércitos—, botarei contra vós a maldición e maldicirei a vosa bendición. Si, xa a maldicín porque non houbo entre vós quen o collese a peito.

3 Vede: eu rompereivos o brazo e tirarei bosta contra as vosas caras, a bosta das vosas festas. Seredes tirados na bosta.

4 Entón recoñeceredes que eu vos tiña enviado esta orde para que fose realidade a miña alianza con Leví —fala o Señor dos Exércitos—.

5 A miña alianza con el fora vida e fartura e tamén lle tiña concedido o temor, para que me respecte e fose humilde ante a presenza do meu Nome.

6 Na súa boca houbo sentencia verdadeira e falsidade non se atopou nos seus labios. Con paz e con rectitude camiñou comigo, e a moitos fíxoos apartar da iniquidade.

7 Si, os labios do sacerdote son fieis á ensinanza e búscase a lei na súa boca: é o mensaxeiro do Señor dos Exércitos.

8 Pero vós apartastes a moitos do vieiro, desviástelos do cumprimento da lei, violastes a alianza con Leví —fala o Señor dos Exércitos—.

9 Tamén eu vos volverei desprezables e viles para todos os pobos, na medida en que vós non gardastes os meus vieiros, e na medida en que non considerastes estimable a lei.


Contra os matrimonios mixtos e o divorcio

10 Non temos todos nós un único Rei? Non vos criou a todos o único Deus? Por que traizoamos cada un ó seu irmán, violando a alianza de nosos pais?

11 Xudá obra a traizón; cométese en Israel e en Xerusalén unha abominación. Certo, Xudá profana o santuario do Señor, ama e casa coa filla dun deus estranxeiro.

12 O Señor fará desaparecer o home que tal cousa fixo, ó promotor e á testemuña: faraos desaparecer das tendas de Xacob e do grupo que presenta a ofrenda ó Señor dos Exércitos.

13 Velaí, esta segunda cousa fixestes: cubrir de bágoas o altar do Señor, de choros e de pranto, porque xa non fai caso da vosa ofrenda, nin recibe con gusto o que sae das vosas mans.

14 Vós dicides: "Por que?" Polo feito de que o Señor fixo de testemuña entre ti e a muller da túa mocidade, porque ti a traizoaches, aínda que ela foi a túa compañeira e a muller da túa alianza.

15 Certo, o Señor fixo unha unidade, e a unidade ten carne e espírito. E que busca a unidade? Unha descendencia santa. Tende, pois, coidado do voso espírito, e non lle fagas traizón á esposa da túa mocidade.

16 Se alguén repudia con odio —fala o Señor, Deus de Israel—, cobre de violencia o seu manto —fala o Señor dos Exércitos—. Tende, pois, coidado do voso espírito e non fagades traizón.


O día da vinda do Señor

17 Vós cansades o Señor coas vosas palabras, e dicides: "En que o cansamos?" Cando dicides: "Todos os que obran mal son bos ós ollos do Señor: El sente amor por eses"; ou: "Onde está o Deus dos xustos xuízos?"

Lean sinn:



Sanasan