Lucas 9 - Biblia SEPTMisión dos Doce (Mt 10, 1. 5-15; Mc 6, 7-13) 1 Despois de convocar os Doce, deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas. 2 E mandounos a predicar o Reino de Deus e a sandar enfermidades, 3 Avisándoos: Non levedes nada para o camiño, nin tan sequera un caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa. 4 Na casa onde entredes, quedade ata que marchedes. 5 Cando non vos acollan, saíde daquela vila e sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. 6 Eles pillaron camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes. Desconcerto de Herodes (Mt 14, 1-2; Mc 6, 14-16) 7 O saber Herodes, o tetrarca, todo o que pasaba, estaba perplexo, xa que algúns dicían: Resucitou Xoán de entre os mortos. 8 E outros: Apareceu Elías. E outros: Un profeta dos antigos resucitou. 9 Pero Herodes dicía: A Xoán mandeino eu decapitar, quen é, logo, ese de quen oio tales cousas? E buscaba a maneira de ver a Xesús. Multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Mc 6, 30-44; Xn 6, 1-15) 10 Cando volveron os apóstolos, contáronlle todo canto fixeran. E, colléndoos consigo, retirouse a unha vila chamada Betsaida. 11 Pero cando a xente o descubriu, foino seguindo; el acolleunos, faláballes do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. 12 E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle: Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado. 13 Pero el replicoulles: Dádelles vós de comer. Eles contestaron: Pero se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente. 14 Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles ós seus discípulos: Colocádeos en grupos de cincuenta. 15 Dixéronllelo, e sentaron todos. 16 El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos ós discípulos, para que llelos servisen á xente. 17 Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas. Confesión de Pedro e primeiro anuncio da paixón (Mt 16, 13-23; Mc 8, 27-33) 18 Unha vez que estaba en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles: Quen di a xente que son eu? 19 Eles responderon: Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado. 20 Insistiu: E vós quen dicides que son eu? Respondeu Simón Pedro: O Mesías de Deus. 21 Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén. 22 E engadiu: Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ó terceiro día resucite. Como seguir a Xesús (Mt 16, 24-28; Mc 8, 34-9, 1) 23 Despois dirixiuse a todos: Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. 24 Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. 25 Pois de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína? 26 Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na súa gloria, na do seu Pai e mais na dos santos anxos. 27 E tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen antes veren chegar o Reino de Deus. A transfiguración (Mt 17, 1-9; Mc 9, 2-10) 28 Oito días despois desta conversa, colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ó monte a orar. 29 Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. 30 De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. 31 Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. 32 Pedro e mais os outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. 33 Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús: Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías? Pero non sabía o que dicía. 34 E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ó entraren nela. 35 Entón unha voz dixo desde a nube: Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo. 36 Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días. O neno epiléptico (Mt 17, 14-18; Mc 9, 14-27) 37 O outro día, baixando do monte, saíulle moita xente ó encontro 38 e un home exclamou: Mestre, suplícoche que repares no meu fillo, que é o único que teño. 39 Un espírito apodérase del, berrando e retorcéndoo entre escumallos, e cústanos moito que o deixe, e queda acorando. 40 Pedinlles ós teus discípulos que llo botasen fóra, pero non llo deron botado. 41 El contestou: Oh xeración incrédula e perversa! Ata que día vou ter que estar convosco e aturarvos? Tráeme aquí ese teu fillo. 42 E cando llo levaban, o demo retorceuno e zapateouno no chan. Pero Xesús berroulle ó espírito inmundo e curou o neno, devolvéndollo a seu pai. 43 Todos quedaron abraiados da grandeza de Deus. Admirado por todos, polas cousas que facía, Xesús díxolles ós seus discípulos: Novo anuncio da súa paixón (Mt 17, 22-23; Mc 9, 30-32) 44 Quédevos isto ben gravado: ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes. 45 Pero eles non entendían o que dicía, porque lles estaba velado; e non ousaron pedirlle unha aclaración. Quen é o máis importante (Mt 18, 1-5; Mc 9, 33-37) 46 Entón empezaron a discutir sobre quen deles era o máis importante. 47 Xesús léndolles o pensamento, achegou un neno a si 48 e díxolles: Quen acolle a este neno no meu nome, acólleme a min, e aquel que me acolle a min, acolle a quen me mandou; porque o que é máis pequeno entre vós, ese é o máis importante. Quen non está contra vós, está convosco (Mc 9, 38-40) 49 Tomando entón a palabra Xoán, dixo: Mestre, vimos un que botaba demos fóra no teu nome, e tratamos de llo impedir, porque non é dos nosos. 50 Xesús contestoulles: Pois non llo privedes, que quen non está contra vós, está convosco. CAMIÑO DE XERUSALÉN Rexeitan a Xesús en Samaría 51 Cando se ía cumprir o tempo de que o levantasen deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. 52 Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, 53 non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. 54 O veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron: Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta? 55 Pero el volveuse e rifoulles. 56 E foron para outra aldea. Seguir a Xesús (Mt 8, 19-22) 57 Polo camiño, díxolle un: Seguireite, vaias onde vaias. 58 Respondeulle Xesús: As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza. 59 Díxolle a outro: Sígueme. Pero el contestoulle: Déixame ir primeiro enterrar a meu pai. 60 Respondeulle: Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus. 61 Outro díxolle tamén: Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia. 62 Contestoulle: Quen despois de pó-la man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)