Lucas 5 - Biblia SEPTPrimeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Mc 1, 16-20) 1 Estando el á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ó seu arredor, escoitando a Palabra de Deus, 2 viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. 3 Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e desde a barca, sentado, ensinaba á xente. 4 Cando acabou de falar, díxolle a Pedro: Voga lago a dentro, e larga o aparello para pescar. 5 Respondeu Simón: Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello. 6 Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. 7 Fixéronlles entón acenos ós compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. 8 Vendo isto, Simón Pedro botóuselle ós pés a Xesús, dicindo: Señor, arreda de min, que eu son un pecador. 9 Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran naquel lance. 10 O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón: Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes. 11 Varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono. Curación dun gafo (Mt 8, 2-4; Mc 1, 40-45) 12 Dunha vez estaban nunha vila e un home todo cuberto de lepra, vendo a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle: Señor, ti, se queres, pódesme limpar. 13 El estendeu a man e tocouno, dicindo: Pois quero, queda limpo. E no intre desapareceu a laceira. 14 Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén, e engadiu: Vai, preséntate ó sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés, para que lles sirva de testemuño. 15 Pero a súa sona espallábase a cada paso máis, xuntándose moita xente para escoitalo e para que lles curase as súas doenzas. 16 Mais el retirábase ós lugares arredados para orar. Cura a un tolleito (Mt 9, 2-8; Mc 2, 1-12) 17 Un día que estaba ensinando, había sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. E, co poder do Señor, el facía curacións. 18 Nisto uns homes trouxeron nunha padiola a un tolleito, mirando como metelo dentro para poñelo diante del. 19 Pero, non atopando por onde o meteren, debido á moita xente que había, subiron ó tellado e baixárono co leito por entre as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús. 20 Vendo a fe que tiñan, dixo: Home, quédanche perdoados os teus pecados. 21 Os letrados e mais os fariseos empezaron a razoar: Pero quen é este, que así blasfema? Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus? 22 Decatándose Xesús do que pensaban, díxolles: Que cavilades nos vosos adentros? 23 Que é máis fácil dicir: "perdoados quedan os teus pecados", ou dicir: "érguete e anda". 24 Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados díxolle ó tolleito: érguete, colle a padiola e vaite para a casa. 25 E así foi: erguéndose no intre diante deles, colleu a padiola e foise para a súa casa, loando a Deus. 26 Todos ficaron pasmados, e cheos de temor loaban a Deus, dicindo: Hoxe si que vimos cousas nunca vistas! Vocación de Mateu (Mt 9, 9-13; Mc 2, 13-17) 27 Despois disto, cando saíu, viu un recadador de impostos chamado Leví, sentado ó mostrador da contribución, e díxolle: Sígueme. 28 El, deixando todo, levantouse e seguiuno. 29 Leví ofreceulle na súa casa un gran banquete, e había moitos recadadores e outra xente sentados á mesa con eles. 30 E os fariseos e os seus letrados refungaban, dicíndolles ós discípulos: Por que comedes e bebedes cos recadadores e pecadores? 31 Xesús respondeulles: Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. 32 Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores, para que se convertan. Discusión acerca do xaxún (Mt 9, 14-17; Mc 2, 18-22) 33 Mais eles replicáronlle: Os discípulos de Xoán xaxúan e rezan a miúdo, como tamén fan os dos fariseos, pero os teus comen e beben. 34 Xesús contestoulles: E ides facer xaxuar os convidados á voda, mentres está con eles o esposo? 35 Xa chegará o día no que lles leven o esposo; daquela si que xaxuarán. 36 Tamén lles propuxo esta parábola: Ninguén racha un vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque quedaría roto o novo, e no vello tampouco diría ben un remendo de pano novo. 37 E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, deitarían o viño, e estragaríanse os pelellos. 38 Xa sabedes: viño novo quere pelellos novos. 39 E ninguén que proba o viño vello, quere o novo, pois dirá: é mellor o vello. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)