Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 3 - Biblia SEPT


PREPARACIÓN DO MINISTERIO DE XESÚS Predicación de Xoán Bautista (Mt 3, 1-12; Mc 1, 1-8; Xn 1, 19-28)

1 No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene:

2 durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto.

3 Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acadar o perdón dos pecados,

4 conforme está escrito no libro do profeta Isaías: Unha voz chama no deserto: Preparade os camiños do Señor, reparade os seus vieiros.

5 Todo barranco se cubrirá todo monte e outeiro se rebaixará, os camiños tortos hanse endereitar e os fragosos hanse achanzar.

6 E todos verán a salvación de Deus.

7 Ia onda el moita xente a que os bautizase, e el dicíalles: Camada de víboras! quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar?

8 Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión, e non empecedes a dicir entre vós: "Somos fillos de Abraham". Asegúrovos que destas mesmísimas pedras pode sacar Deus fillos de Abraham.

9 Xa está a machada posta á raíz das árbores, e toda árbore que non dea bo froito, será cortada e botada no lume.

10 E a xente preguntáballe: E logo, que temos que facer?

11 El respondíalles: O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo o que teña que comer.

12 Foron tamén uns recadadores a se bautizar, e preguntáronlle: Mestre, que temos que facer?

13 El contestoulles: Non esixades nada máis do que vos está mandado.

14 Tamén uns soldados lle preguntaron: E nós, que temos que facer? El contestoulles: Non asoballedes nin saqueedes a ninguén, e contentádevos coas vosas pagas.

15 Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán;

16 pero el declarou diante de todos: Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.

17 Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e recoller na hucha o seu trigo; pero a palla ha de a queimar no lume que nunca apaga.

18 Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa Nova á xente.

19 Pero Herodes, o tetrarca, a quen Xoán reprendía por causa de Herodías, a súa cuñada, e por outros crimes,

20 colmounos todos facendo aínda este: meteu a Xoán na cadea.


Bautismo de Xesús (Mt 3, 13-17; Mc 1, 9-11)

21 Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo

22 e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo: Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.


Xenealoxía de Xesús

23 Este era Xesús, que tiña trinta anos ó empezar; fillo, segundo se pensaba, de Xosé, que o era de Helí,

24 o de Matat, o de Leví, o de Melquí, o de Xanaí, o de Xosé,

25 o de Matatías, o de Amós, o de Nahúm, o de Eslí, o de Nagai,

26 o de Máhat, o de Matatías, o de Semeín, o de Ioseh, o de Iodá,

27 o de Iohanán, o de Resá, o de Zerubabel, o de Xealtiel, o de Nerí,

28 o de Melquí, o de Adí, o de Casam, o de Elmadam, o de Er,

29 o de Xesús, o de Eliezer, o de Iozim, o de Matat, o de Leví,

30 o de Simeón, o de Xudá, o de Xosé, o de Ionam o de Eliaquim,

31 o de Meleá, o de Mená, o de Matatá o de Natán, o de David,

32 o de Iexé, o de Iobed, o de Boaz, o de Salá, o de Naasón,

33 o de Aminadab, o de Admín, o de Arní, o de Esrón, o de Peres, o de Xudá,

34 o de Xacob, o de Isaac, o de Abraham, o de Tara, o de Nacor,

35 o de Seruc, o de Ragau, o de Pélec, o de Éber, o de Salá,

36 o de Cainam, o de Arfaxad, o de Xem, o de Noé, o de Lámec,

37 o de Metuxalem, o de Henoc, o de Iáret, o de Malelel, o de Cainam,

38 o de Enox, o de Xet, o de Adam, o de Deus.

Lean sinn:



Sanasan