Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 24 - Biblia SEPT


A RESURRECCIÓN Anuncio da resurrección (Mt 28, 1-10; Mc 16, 1-8; Xn 20, 1-10)

1 A madrugada do primeiro día da semana foron ó sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados.

2 Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro.

3 Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí.

4 Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes.

5 Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron: Por que buscades entre os mortos a quen está vivo?

6 Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea:

7 que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ó terceiro día.

8 A elas acordáronlles aquelas palabras súas,

9 e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo ós Once e a todos os demais.

10 Eran elas: María Magdalena, Xoana, María a de Santiago. E tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo ós apóstolos;

11 pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.

12 Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ó sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.


Camiño de Emaús (Mc 16, 12-13)

13 Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.

14 Ían falando de canto pasara.

15 E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles.

16 Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren.

17 Entón preguntoulles: De que ides falando polo camiño? Eles pararon cun rostro moi tristeiro,

18 e Cleofás, un deles, respondeulle: Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?

19 El preguntou: De que, logo? Eles contestaron: Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo;

20 de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron.

21 Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas.

22 Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó riscar o día ó sepulcro,

23 e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive.

24 E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.

25 Entón díxolles: Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas!

26 E logo non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?

27 E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.

28 O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante.

29 Pero eles porfiáronlle, dicindo: Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba. Quedou con eles.

30 E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo.

31 Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.

32 E dixeron: Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?

33 E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes,

34 que dicían: É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.

35 Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.


Aparición ós apóstolos (Mt 28, 16-20; Mc 16, 14-18; Xn 20, 20-23; Feit 1, 6-8)

36 Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles: A paz sexa convosco!

37 Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito.

38 Pero el díxolles: Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas?

39 Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.

40 E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés.

41 Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles: Tedes por aí algo que comer?

42 Déronlle un anaco de peixe asado.

43 El colleuno e comeuno diante deles.

44 Logo díxolles: A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.

45 E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras.

46 E engadiu: Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día,

47 e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén.

48 Vós seredes testemuñas de todo isto.

49 E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.


Ascensión de Xesús (Mc 16, 19-20; Feit 1, 9-11)

50 Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.

51 E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ó ceo.

52 Eles, despois de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría.

53 E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.

Lean sinn:



Sanasan