Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 23 - Biblia SEPT


Xesús ante Pilato (Mt 27, 1-2. 11-14; Mc 15, 1-5; Xn 18, 28-38)

1 Cando se levantou a sesión, conduciron a Xesús ante Pilato.

2 Alí empezárono a acusar, dicindo: Atopamos a este revolucionando ó pobo, impedíndolle pagar o tributo ó César, e declarándose ademais Mesías e rei.

3 Pilato preguntoulle: Es ti o rei dos xudeus? Respondeulle: Ti o dis.

4 Entón díxolles Pilato ós sumos sacerdotes e mais á xente: Eu non atopo delito ningún neste home.

5 Pero eles teimaban dicindo: Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.


Ante Herodes

6 Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo.

7 O saber que pertencía á xurisdición de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.

8 Herodes, ó ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre.

9 Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra.

10 Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os letrados acusándoo con ardor.

11 Herodes e mais os seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato.

12 E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.


Condenado á morte (Mt 27, 15-26; Mc 15, 6-15; Xn 18, 39-19, 16)

13 Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mais o pobo

14 e díxolles: Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades;

15 nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu;

16-17 Así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.

18 Pero todos empezaron a berrar, dicindo: Fóra ese, solta a Barrabás!

19 (Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade).

20 Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús.

21 Pero eles berraban: Crucifícao, crucifícao!

22 Pilato replicou por terceira vez: Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.

23 Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo.

24 Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían.

25 Soltou ó que reclamaban o encadeado por revolta e asasinato, e a Xesús entregóullelo ó seu antollo.


Crucifixión (Mt 27, 32-44; Mc 15, 21-32; Xn 19, 17-27)

26 Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús.

27 Ía tras eles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el.

28 Xesús volvéndose a elas, díxolles: Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos.

29 Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres que non xeraron e os peitos que non criaron".

30 E pediranlles ós montes: Caede enriba de nós!, e ós outeiros: tapádenos.

31 Porque se isto fan coa árbore verde, que lle pasará á seca?

32 Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos.

33 E cando chegaron ó lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.

34 Xesús dicía: Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan. E, botando á sorte, repartiron a roupa del.

35 A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo: A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.

36 Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre,

37 dicindo: Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.

38 E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

39 Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén: Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.

40 Pero contestoulle o outro, reprendéndoo: Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el?

41 Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.

42 E dicíalle: Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.

43 Xesús respondeulle: Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.


Morte de Xesús (Mt 27, 45-56; Mc 15, 33-41; Xn 19, 28-30)

44 Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde.

45 Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio.

46 Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo: Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito. E dicindo isto, morreu.

47 O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo: Realmente este home era inocente.

48 E toda a xente que acudira ó espectáculo, ó ver o que pasaba, volvía batendo no peito.

49 Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.


Sepultura (Mt, 27, 57-61; Mc 15, 42-47; Xn 19, 38-42)

50 Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro

51 aínda que el non estivera de acordo co proceder do Consello, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus,

52 presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús.

53 Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear.

54 Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado.

55 Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba.

56 Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.

Lean sinn:



Sanasan