Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 22 - Biblia SEPT


A PAIXÓN Complot contra Xesús (Mt 26, 1-5. 14-16; Mc 14, 1-2. 10-11; Xn 11, 45-53)

1 Aproximábase a festa dos Ácimos, chamada tamén a Pascua.

2 Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como quitalo do medio, porque lle tiñan medo á xente.

3 Nisto Satán apoderouse de Xudas, chamado o Iscariote, que formaba parte dos Doce,

4 e foi falar cos sumos sacerdotes e cos oficiais da garda sobre o xeito de entregalo.

5 Eles alegráronse, e acordaron darlle cartos.

6 El aceptou, e andaba vendo a ocasión de entregárllelo sen que a xente se decatase.


Preparación da Pascua (Mt 26, 17-19; Mc 14, 12-16)

7 Chegou o día dos Ácimos, e había que inmolar o año pascual.

8 Mandou a Pedro e a Xoán, dicíndolles: Ide preparar a cea pascual.

9 Eles preguntaron: Onde queres que a preparemos?

10 El respondeu: Mirade, cando entredes na cidade, havos saír ó paso un home, levando unha ola de auga. Seguídeo ata a casa onde entre,

11 dicídelle ó dono da casa: "O Mestre mándanos preguntar: Onde está o lugar no que poida comer a Pascua cos meus discípulos?".

12 El havos mostrar no sobrado unha sala grande, xa disposta: facede alí os preparativos.

13 Foron eles, atoparon todo tal como lles dixera, e prepararon a Pascua.


A Eucaristía (Mt 26, 26-30; Mc 14, 22-26; 1 Cor 11, 23-25)

14 Cando chegou a hora, púxose á mesa cos seus apóstolos.

15 Díxolles: Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer!

16 Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.

17 E collendo unha copa, deu grazas e dixo: Tomade e repartídea entre vós,

18 pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o Reino de Deus.

19 E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo: Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

20 E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo: Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.

21 Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu.

22 Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ai daquel que o entrega!

23 Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería ser o que ía facer iso.


O máis importante (Mt 20, 25-28; Mc 10, 42-45)

24 Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:

25 Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores.

26 Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve.

27 Pois, quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.

28 Pois vós sodes os que quedastes comigo nas miñas probas.

29 E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino,

30 para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulgar as doce tribos de Israel.


Anuncio das negacións de Pedro (Mt 26, 31-35; Mc 14, 27-31; Xn 13, 36-38)

31 Simón, Simón, mira que Satán vos reclamou para vos peneirar coma o trigo!

32 Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ó que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns.

33 Díxolle el: Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.

34 Respondeulle Xesús: Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.

35 E logo preguntoulles a todos: Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, sentistes falta de algo? Eles responderon: De nada.

36 El continuou: Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha.

37 Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: "Foi contado entre os malfeitores". E o tocante a min vaise cumprir.

38 Eles dixéronlle: Señor, temos aquí dúas espadas. Contestoulles: Basta. Xa está ben.


No Monte das Oliveiras (Mt 26, 36-46; Mc 14, 32-42)

39 Despois de saír, foise como facía sempre ó Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos.

40 Cando chegaron ó sitio, díxolles: Rogade que non caiades na tentación.

41 E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:

42 Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.

43 E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo.

44 E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.

45 Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza.

46 Díxolles: Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.


Traizón e arresto (Mt 26, 47-56; Mc 14, 43-50; Xn 18, 3-11. 20)

47 Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico.

48 Pero Xesús díxolle: Xudas, cun bico entregas o Fillo do Home?

49 Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle: Señor, sacamos as espadas?

50 E un deles feriu ó criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.

51 Pero Xesús díxolle: Deixádeos facer. E tocándolle a orella, sandoulla.

52 Entón díxolles ós que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns: Viñéstesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido.

53 Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxestes as mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.


As negacións de Pedro (Mt 26, 57-58. 69-75; Mc 14, 53-54. 66-72; Xn 18, 12-18. 25-27)

54 Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe.

55 Encenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles.

56 Pero unha criada, viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo: Este tamén andaba con el.

57 El negouno dicindo: Muller, eu non o coñezo.

58 Pouco despois viuno outro criado, e dixo: Ti es deles tamén. Pero Pedro exclamou: Non, home, non son.

59 Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado: Si, seguro que andaba con el, que é galileo.

60 Pedro replicou: Pero home, eu non che sei de que falas. E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo.

61 O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: "antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces".

62 Saíu para fóra, e chorou amargamente.


Burlas e golpes a Xesús (Mt 26, 67-68; Mc 14, 65)

63 Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano;

64 tapábanlle a cara e preguntábanlle: Fai agora de profeta: quen che zoupou?

65 E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.


Xesús ante o Sanedrín (Mt 26, 59-66; Mc 14, 55-64; Xn 18, 19-24)

66 Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e acordaron levalo ó Sanedrín.

67 E dixéronlle: Se ti es o Mesías, dínolo. El contestoulles: Se volo digo, non me ides crer;

68 se vos fago preguntas, non me ides responder.

69 Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.

70 Preguntáronlle todos: Logo es ti o Fillo de Deus? El respondeu: Vós o dicides: eu son.

71 Eles exclamaron: Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.

Lean sinn:



Sanasan