Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 20 - Biblia SEPT


A autoridade de Xesús (Mt 21, 23-27; Mc 11, 27-33)

1 Estando naqueles días ensinando ó pobo e anunciando a Boa Nova no templo, presentáronse os sumos sacerdotes, os letrados e mais os senadores,

2 e preguntáronlle: Con que autoridade fas estas cousas? Quen che deu tal autoridade?

3 El respondeulle: Vouvos facer tamén eu unha pregunta. A ver, contestade:

4 O bautismo de Xoán era cousa de Deus ou dos homes?

5 Eles matinaban: "Se lle respondemos de Deus, vainos preguntar: E daquela por que non lle fixestes caso?

6 Pero se lle respondemos: dos homes, a xente toda vainos correr a pedradas, porque está convencida de que Xoán era un profeta".

7 E acabáronlle dicindo que non o sabían.

8 Xesús replicoulles: Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.


Parábola da viña (Mt 21, 33-46; Mc 12, 1-12)

9 Entón púxose a contarlle á xente esta parábola: Un home plantou unha viña, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.

10 No seu tempo mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña. Pero os viñateiros zorregáronlle duro e despedírono coas mans baleiras.

11 Volveulles mandar outro criado; pero eles mallaron nel, aldraxárono e despedírono coas mans baleiras.

12 E volveulles mandar aínda un terceiro; pero eles tamén o malferiron e expulsaron.

13 Entón dixo o dono da viña: "Que farei? Voulles mandar o meu fillo benquerido: seguro que o respectan".

14 O velo, os viñateiros apalabráronse uns cos outros entre si: "Este é o herdeiro; matámolo, e a herdanza é para nós".

15 E botárono fóra da viña e matárono. Que fará o dono da viña?

16 Volverá, acabará con estes viñateiros, e daralles a viña a outros. O oíren isto exclamaron: Non pode ser!

17 Pero el, mirándoos fixamente, díxolles: Que significa, logo, o que di a Escritura: A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal?

18 Todo o que caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel enriba do que ela caia, quedará esmagado.

19 Decatándose de que ía por eles a parábola, os letrados e mais os sumos sacerdotes quixeron botarlle as mans naquel mesmo momento; pero tivéronlle medo á xente.


A contribución ó César (Mt 22, 15-22; Mc 12, 13-17)

20 Entón puxéronse á espreita e mandáronlle uns espías, que finxían hipocritamente seren boa xente, para ver se o pillaban nalgún delito, e así podéreno entregar á xurisdición do gobernador.

21 Así dixéronlle: Mestre, sabemos que falas e ensinas rectamente, e non xulgas polas aparencias, senón que mostras o camiño verdadeiro de Deus.

22 Está permitido pagar a contribución ó César ou non?

23 El coñeceulles a mala intención e contestoulles:

24 Mostrádeme un denario. De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: É do César.

25 Xesús replicoulles: Pois logo dádelle ó César o do César; e a Deus o de Deus.

26 Non puideron pillalo en ningún dito diante do pobo, e, pasmados da súa resposta, quedaron caladiños.


Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Mc 12, 18-27)

27 Chegaron algúns saduceos eses que negan que haxa resurrección e preguntáronlle:

28 Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia".

29 Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos.

30 Despois casou con ela o segundo;

31 e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos.

32 O cabo, morreu tamén a muller.

33 Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?

34 Xesús contestoulles: Neste mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles.

35 Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas,

36 pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.

37 E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob.

38 E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos.

39 E nisto algúns dos letrados dixéronlle: Ben falado, Mestre.

40 Pois xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.


O fillo de David (Mt 22, 41-46; Mc 12, 35-37)

41 Preguntoulles Xesús: Como din que o Mesías é fillo de David?

42 O mesmo David di no libro dos Salmos: Díxolle o Señor ó meu Señor: séntate á miña dereita,

43 que vou poñer os teus inimigos coma estrado dos teus pés.

44 Ora, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo?


Denuncia dos letrados (11, 37-54; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40)

45 E diante de toda a xente, díxolles ós seus discípulos:

46 Coidado cos letrados! Gústalles moito de se pasearen ben traxados, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes.

47 E acábanlles cos bens ás viúvas, co pretexto de faceren longos rezos. Pero hanos xulgar co máis severo castigo.

Lean sinn:



Sanasan