Lucas 2 - Biblia SEPTNacemento de Xesús (Mt 1, 18-25) 1 Saíu daquela un decreto do emperador Augusto, ordenando o empadroamento de todo o mundo. 2 Foi o primeiro censo que se fixo; por entón era Quirino gobernador de Siria. 3 E todos, en cadansúa cidade, fóronse empadroar. 4 Tamén subiu Xosé desde Galilea, da vila de Nazaret, ata Xudea, á vila de David chamada Belén, pois pertencía á casa e familia de David, 5 para empadroarse con María, a súa muller, que estaba embarazada. 6 E resultou que, estando alí, chegoulle o tempo do parto, 7 e deu á luz o seu fillo primoxénito. Envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, na corte das bestas, porque dentro da pousada non había lugar para eles. Alegría de anxos e pastores 8 Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ó descuberto vixiando o seu rabaño. 9 Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor. Eles levaron un gran susto. 10 Pero o anxo díxolles: Non vos asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran alegría para todo o pobo. 11 Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor. 12 Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte. 13 E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que louvaba a Deus dicindo: 14 Gloria a Deus no ceo e na terra paz ós homes que gozan do seu amor! 15 Cando os anxos se retiraron marchándose ó ceo, comentaban os pastores entre eles: Vaiamos a Belén ver o que sucedeu e que o Señor nos manifestou. 16 Foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. 17 O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, 18 deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores. 19 María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. 20 Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado. Circuncisión e presentación do neno 21 Os oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción. 22 E cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor 23 (pois así está escrito na Lei do Señor: Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor), 24 e tamén para faceren unha ofrenda , conforme se di na Lei do Señor: Un par de rulas ou dous pombiños. 25 Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, 26 tíñalle prometido que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. 27 Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, 28 el, colléndoo nos brazos, loou a Deus dicindo: 29 Agora podes, Señor, segundo a túa promesa, despedir en paz o teu servo, 30 porque xa os meus ollos viron o teu Salvador, 31 o que preparaches para todos os pobos: 32 luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel. 33 O pai e mais a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. 34 Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai: Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moitos en Israel, para ser bandeira de discusión; 35 e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns. 36 Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer, que vivira sete anos co seu marido desde que casara, 37 e logo como viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xaxún e oracións. 38 Presentándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a todos os que esperaban a redención de Xerusalén. 39 Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de Nazaret. 40 O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a graza de Deus estaba con el. Xesús queda no templo 41 Polas festas da Pascua seus pais ían todos os anos a Xerusalén. 42 E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. 43 Pasados aqueles días, cando eles volvían o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. 44 Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. 45 Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. 46 E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. 47 Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. 48 O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle: Meu fillo! Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa. 49 El respondeu: E logo por que me buscades? Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai? 50 Pero eles non entenderon a resposta. 51 Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón. 52 Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e mais dos homes. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)