Lucas 19 - Biblia SEPTZaqueo 1 Chegou Xesús a Xericó e pasaba atravesando a cidade. 2 Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. 3 Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. 4 Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. 5 O pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle: Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa. 6 El, baixando de contado, acolleuno moi contento. 7 Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar: Entrou a se hospedar na casa dun pecador. 8 Zaqueo, posto de pé, díxolle ó Señor: Señor, darei a metade de todo canto teño ós pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis. 9 Entón Xesús dixo: Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. 10 Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido. Parábola das onzas (Mt 25, 14-30) 11 Estando a xente escoitando estas cousas, engadiu unha parábola, por estar cerca de Xerusalén e por pensar a xente que o Reino de Deus ía aparecer de contado. 12 Dixo: Un home nobre marchou a un país distante, a que o coroasen rei, e volver despois. 13 Chamou logo por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas, e encargoulles: "Negociade ata que volva". 14 Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras el unha embaixada, dicindo: "Non queremos que este sexa o noso rei". 15 Cando volveu, xa coroado coma rei, mandou chamar polos criados aqueles, ós que lles dera as onzas, para saber canto gañara cada un. 16 Presentouse o primeiro, dicindo: "Señor, a túa onza produciu outras dez". 17 El contestoulle: "Ben, criado cumpridor: xa que fuches fiel en cousa pequena, serás rexedor de dez cidades". 18 Chegou o segundo dicindo: "A túa onza, Señor, produciu outras cinco", 19 Contestoulle tamén a este: "Ti tamén serás rexedor de cinco cidades". 20 E chegou outro, dicindo: "Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun paniño, 21 pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e segas o que non sementas". 22 El contestoulle: "As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño, e sego o que non semento. 23 Pois logo por que non deixaches nun banco os meus cartos? Así, ó chegar, eu podía recoller os intereses". 24 E díxolles ós presentes: "Quitádelle a onza e dádella ó que ten dez!". 25 Eles replicaron: "Señor, se ese xa ten dez onzas!" El seguiu: 26 "Asegúrovos que a todo o que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar. 27 E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei, traédeos aquí, e degoládeos na miña presenza". 28 E dito isto, botou a andar diante deles camiño de Xerusalén. XESÚS EN XERUSALÉN Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Mc 11, 1-11; Xn 12, 12-19) 29 E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ó pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, 30 dicíndolles: Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. 31 E se alguén vos pregunta: "Por que o soltades?", respondédelle: "Precísao o Señor". 32 Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. 33 E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos: Por que soltades o burriño? 34 Eles contestaron: Precísao o Señor. 35 Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. 36 E ó pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. 37 Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto. 38 Dicían: Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto! 39 Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle: Mestre, reprende a eses teus discípulos. 40 Pero el respondeulles: Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras. Laio sobre Xerusalén (21, 6; Mt 24, 2; Mc 13, 2) 41 E ó enxergaren a cidade, chorou sobre ela 42 dicindo: Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. 43 E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante, e apertarante por todas partes. 44 Esnaquizarante contra o chan a ti e mais os teus fillos. Non che deixarán pedra sobre pedra, por non recoñecer a oportunidade de cando te visitaron. Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mt 21, 12-17; Mc 11, 15-19; Xn 2, 13-22) 45 Despois entrou no templo, e empezou a botar fóra os tendeiros, 46 dicíndolles: Está escrito: a miña casa ha ser casa de oración; pero vós convertéstela en cova de bandidos. 47 Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e mais os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el. 48 Pero non o atopaban, porque todo o pobo estaba moi atento ó que el dicía. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)