Lucas 18 - Biblia SEPTO xuíz e mais a viúva 1 Propúxolles tamén unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar: 2 Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. 3 Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte ó meu contrario". 4 El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Aínda que non temo a Deus nin respecto o home, 5 como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida". 6 E o Señor continuou: Escoitade o que di un xuíz inxusto. 7 E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? 8 Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, el atopará fe sobre a terra? O fariseo e mais o recadador de impostos 9 Propuxo tamén esa parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais: 10 Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. 11 O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. 12 Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño". 13 O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador". 14 Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano. Xesús e os nenos (Mt 19, 13-15; Mc 10, 13-16) 15 E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 16 Entón Xesús chamounos e dixo: Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. 17 Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel. O rico (Mt 19, 16-22; Mc 10, 17-22) 18 Un home importante preguntoulle: Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna? 19 El contestoulle: E por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. 20 Xa sabes os mandamentos: Non cometas adulterio, non mates, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e mais a túa nai. 21 El respondeu: Todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade. 22 Oíndo aquilo Xesús díxolle: Aínda che queda unha cousa: vende todo canto tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme. 23 O que oíu estas cousas, o home aquel quedou moi apesarado, porque era moi rico. O perigo das riquezas (Mt 19, 23-30; Mc 10, 23-31) 24 Xesús, ó velo así, comentou: Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus! 25 É máis fácil para un camelo entrar polo ollo dunha agulla, que para un rico entrar no Reino de Deus. 26 Todos os que o escoitaban comentaron: Daquela quen se vai poder salvar? 27 Pero el dixo: O que para os homes é imposible, é posible para Deus. 28 Entón díxolle Pedro: Pois nós, deixámolo todo, e seguímoste. 29 Xesús respondeulle: Tede por seguro que ninguén que deixa casa ou muller ou irmáns ou pais ou fillos polo Reino de Deus, 30 non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna. Anuncia por terceira vez a súa morte (Mt 20, 17-19; Mc 10, 32-34) 31 E levando á parte ós Doce, díxolles: Ollade que subimos a Xerusalén, e vaise cumprir todo o que está escrito polos profetas acerca do Fillo do Home. 32 Vano entregar ós pagáns, burlaranse del, aldraxarano e cuspirán nel, 33 Azoutarano e matarano. Pero ó terceiro día resucitará. 34 Pero eles non entenderon nada disto. Resultábanlle enigmáticas estas palabras e non comprenderon o que lles quería dicir. O cego de Xericó (Mt 20, 29-34; Mc 10, 46-52) 35 Cando chegaba a Xericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño. 36 Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. 37 Dixéronlle que era Xesús de Nazaret, que pasaba por alí. 38 El exclamou: Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min! 39 Os que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase pero el aínda berraba máis alto: Fillo de David, ten mágoa de min! 40 Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle: 41 Que é o que queres que che faga? El respondeu: Señor, que volva ver. 42 Xesús díxolle: Recobra a vista: salvoute a túa fe. 43 E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, loando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, tamén loaba a Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)