Lucas 17 - Biblia SEPTRecomendacións ós discípulos (Mt 18, 6-7. 21-22; Mc 9, 42; 11, 22-23) 1 Díxolles ós seus discípulos: É irremediable que haxa escándalos; pero ai de quen os provoca! 2 Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ó mar antes que escandalizar a un destes pequeniños. 3 Andade con coidado. Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. 4 E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: "Síntoo moito", perdóao. 5 Rogáronlle os apóstolos ó Señor: Auméntanos a fe! 6 O Señor respondeulles: Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía. 7 E quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: "Entra axiña e ponte á mesa". 8 Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" 9 Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ó criado por facer o que lle manda? 10 Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: "Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer". Curación dos dez gafos 11 Indo camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, 12 ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, 13 e dando voces suplicáronlle: Xesús, Mestre, ten dó de nós. 14 El, ó velos, díxolles: Ídevos presentar ós sacerdotes. E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. 15 E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. 16 E prostrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. 17 Xesús dixo: Non foron dez os que quedaron limpos? Onde están os outros nove? 18 Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus? 19 E engadiu: Érguete e vaite: salvoute a túa fe. A chegada do Reino de Deus (Mt 24, 23-28. 37-41) 20 Preguntado polos fariseos cando chegaría o Reino de Deus, respondeulles: O Reino de Deus chegará sen deixarse sentir. 21 De tal xeito, que non se dirá: "Velaquí, ou velaí está"; porque a verdade é que o Reino de Deus xa está entre vós. 22 E díxolles ós seus discípulos: Virán tempos nos que arelaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. 23 E diranvos: "Mirádeo aí, ou aquí"; pero vós non vaiades nin corrades detrás. 24 Porque coma o lóstrego brilla refulxente desde un extremo a outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. 25 Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite. 26 O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. 27 Comían e bebían e casaban eles e elas, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todos. 28 O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían. 29 Pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo, e acabou con todos. 30 O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home. 31 Aquel día o que estea na azotea e teña as cousas dentro da casa que non baixe por elas; e o que estea na leira que tampouco non volva atrás. 32 Que vos acorde o caso da muller de Lot. 33 Quen intente salvar a súa vida perderaa; e quen a perda salvaraa. 34 Asegúrovolo: nesa noite estarán dous nunha mesma cama: levarán a un e deixarán ó outro. 35-36 Estarán dúas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra. 37 Eles preguntáronlle: Onde Señor? Respondeulles: Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)