Lucas 15 - Biblia SEPTA ovella perdida (Mt 18, 12-14) 1 Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a el para o escoitaren. 2 Por iso os fariseos e letrados murmuraban: Este acolle os pecadores e come con eles. 3 Entón Xesús contoulles esta parábola: 4 Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? 5 E cando a atopa, volve todo contento 6 para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera". 7 Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión. A moeda perdida 8 E que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? 9 E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". 10 Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta. O fillo estragador e o pai bo 11 E dixo tamén: Un home tiña dous fillos. 12 O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. 13 Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido. 14 Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. 15 Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. 16 Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba. 17 Recapacitando, pensou: "Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. 18 Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; 19 xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro". 20 Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. 21 O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo". 22 Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. 23 Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. 24 Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa. 25 Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. 26 Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. 27 O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". 28 Entón alporizouse moito, e non quería entrar. Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. 29 El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; 30 e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado". 31 O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, 32 que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)