Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Lucas 14 - Biblia SEPT


Outra curación en sábado (6, 6-11; Mt 12, 9-14; Mc 3, 1-6)

1 Un sábado ía el comer, á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano.

2 Entón apareceu diante del un home hidrópico.

3 Xesús preguntoulles ós xuristas e fariseos: El está ou non está permitido curar no sábado?

4 Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno.

5 E mirando para eles, díxolles: Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o tira do pozo no instante aínda que sexa sábado?

6 A isto non lle souberon que contestar.


Os convidados

7 Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:

8 Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado

9 e que veña o que vos convidou e che diga: "Déixalle o sitio a este", e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar.

10 O revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que cando chegue o que te convidou che poida dicir: "Amigo, sube máis arriba". E quedarás moi ben diante de todos os convidados.

11 Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.

12 E díxolle tamén ó que o convidara: E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti.

13 Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos;

14 e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.


Os convidados que non acoden (Mt 22, 1-10)

15 Despois de escoitar todo isto, díxolle un dos convidados: Ditoso o que coma pan no banquete do Reino de Deus.

16 El propúxolle: Dunha vez un home deu unha grande cea e convidou a moitos.

17 Así que chegou a hora, mandou un criado para que avisase ós convidados, dicíndolles: "Vide xa, que está todo preparado".

18 Pero todos empezaron a escusarse. O primeiro dixo: "Merquei unha leira e teño que ila ver; por favor, descúlpame".

19 Outro dixo: "Merquei cinco parellas de bois, e teño que probalas; descúlpame, por favor".

20 Outro dixo: "Acáboche de casar e non podo ir".

21 Volveu o criado e contoulle todo isto ó amo. Entón o dono da casa, todo indignado, mandoulle ó seu criado: "Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá os pobres, eivados, coxos e cegos".

22 O criado díxolle: "Xa está feito o que mandaches, e aínda hai sitio".

23 Entón o amo mandoulle: "Vai polos camiños e corredoiras e obriga á xente a entrar; quero que se encha a miña casa,

24 porque vos aseguro que ningún dos convidados probará a miña cea".


O seguimento de Xesús (Mt 10, 37-38)

25 Nunha ocasión que o seguía moita xente, volveuse a eles e díxolles:

26 Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa muller e mais cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu.

27 O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.

28 Pois quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar?

29 Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga riso del, dicindo:

30 "Este empezou a construír e non deu rematado".

31 Ou que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil?

32 E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.

33 Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser discípulo meu.

34 Ben está o sal; pero se o mesmo sal se volve insulso, con que se pode salgar?

35 Xa non vale para nada: nin para a terra, nin para a esterqueira; hai que tirar con el. Quen teña oídos para oír, que escoite.

Lean sinn:



Sanasan